Os ártabros levantan a voz en Ferrol

A campaña no castro de Tralocastro revela a continuidade do xacemento entre a Idade do Ferro e a romanización

A campaña no castro de Tralocastro revela a continuidade do xacemento entre a Idade do Ferro e a romanización
A escavación en Tralocastro (Esmelle, Ferrol). Foto: Equipo arqueolóxico
A Idade do Ferro en Galicia ten un paradoxo. O pobo que máis coñecemos polas fontes escritas clásicas son os Ártabros, o grupo étnico que vivía na zona comprendida ao redor das rías altas. Porén, desde o punto de vista arqueolóxico, é tamén das áreas menos coñecidos da Idade do Ferro galega, nun país que ten escavado ducias de xacementos. E iso, malia que a densidade de castros do arco comprendido ao redor do Golfo Ártabro é un dos máis elevados do noroeste ibérico. Nos últimos anos, só os castros de Elviña (A Coruña), Montes Claros (A Laracha), As Travesas (Carral) e O Sarridal (Cedeira) foron ou están a ser obxecto de campañas máis ou menos continuadas a través do tempo. A esta lista súmaselle agora o castro de Tralocastro (Esmelle, Ferrol). Samuel Nión, director técnico da intervención arqueolóxica, explicou o pasado sábado en Mugardos os primeiros resultados da intervención. Os datos apuntan a un xacemento de a cabalo entre a Idade do Ferro e a romanización.

O castro de Tralocastro é un impoñente xacemento de máis de dúas hectáreas que neste agosto comezou a ser escavado pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña - Campus de Ferrol. A intervención foi posible porque o concello de Ferrol subscribiu un convenio coa facultade para diferentes iniciativas de difusión arqueolóxica, e o castro de Esmelle, agora de propiedade municipal, é unha peza central deste acordo asinado ata 2025.


Cabana con teitos de lousa. Foto: Equipo arqueolóxico

O criterio de escolla da área de traballo da campaña foi un tanto singular. Nos anos 70, as fillas do anterior propietario realizaran unha intervención amadora no xacemento, revelando unha serie de estruturas. "O feito de que xa estiveran visibles marcounos a prioridade de intervir aí", explica Nión, que tamén é investigador posdoutoral Margarita Salas da Facultade de Xeografía de Historia, actualmente de estancia no Instituto de Ciencias de Patrimonio. "E non o vou negar, había unha estrutura que nos chamou moito a atención porque parecía unha sauna, era como unha cabana circular adosada a outra estrutura máis ancha". Os arqueólogos delimitaron unha área de 8x4,5 metros da que obtiveron, como é moi habitual, moi pouco material, pero lles permitiron botar conta de que non se trataba dunha sauna.


Posible estrutura romana. Foto: Equipo arqueolóxico

O que se atoparon foi un conxunto de estruturas, moi ben conservadas en altura, que evidenciaban que aquela área do xacemento tivera cando menos dúas fases. "Hai unha estrutura con esquinas aristadas nas que aparece algo de cerámica romana tipo terra sigillata e cerámica de Lucus Augusti, pero o 80% da cerámica aparece nos materiais de recheo destes edificios", explica Samuel Nión. Tamén aparece unha estrutura "bastante monumental e presumiblemente ovalada", explica o arqueólogo, que se vincula a un horizonte da Idade do Ferro. O tamaño dos muros conservados é impoñente, e superior aos dous metros de altura. A maiores, un aspecto chamativo é que o tellado estaba feito con lousa. A contorna inmediata do castro carece deste mineral, o cal indica unha opción que implica un desprazamento importante. "Pode que a tiveran que ir buscar á serra do Xistral", sinala Nión.

Aínda que a intervención foi reducida e centrada nun espazo que fora expoliado xa nos 70, permitiu confirmar que Tralocastro tivo unha secuencia de ocupación que transita entre a Idade do Ferro e a época romana, como parece suceder nos outros xacementos ártabros, revelando certa continuidade da ocupación do principal tipo de hábitat da zona. Porén, nada lles fai indicar que estas estruturas correspondan a vivendas. A funcionalidade destes potentes muros, aínda visibles de xeito moi parcial, continúa a ser hipotética.


Modelo dixital do terreo de Tralocastro. Gráfico: Equipo arqueolóxico

A intención dos arqueólogos é continuar, a través do convenio, con outras campañas no xacemento, aínda que unha das prioridades ten máis que ver co que está sobre o solo que co que está abaixo. "É moi importante que poidamos limpar e retirar a capa de eucaliptos que ten, xa que se trata dun xacemento moi ben conservado, cunhas defensas moi interesantes". A escavación xa revelou que baixo o solo do castro gárdase un prolongado periodo histórico. Pero cando o xacemento estea limpo, as murallas de Tralocastro destacarán nun alto sobre a paisaxe, entre a terra e o mar, da parroquia de Esmelle.