O Consello da Cultura celebra o congreso sobre o Seminario de Estudos Galegos

O evento pódese seguir ao vivo no web da institución os días 10 e 11 de outubro

O evento pódese seguir ao vivo no web da institución os días 10 e 11 de outubro
Membros do Seminario de Estudos Galegos no Deza.
A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolle o congreso Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos. O encontro, que se desenvolve os días 10 e 11 de outubro, desenvólvese en catro sesións que abordan o contexto histórico do SEG, a traxectoria deste organismo e a súa relación coa sociedade e mais as áreas de traballo nas que o Seminario obtivo uns resultados máis tanxibles. Unha mesa redonda sobre o legado do SEG fechará o programa.

O encontro está organizado coa Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento / Consello Superior de Investigacións Científicas, o Museo de Pontevedra e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e pode seguirse en liña no web do propio Consello da Cultura.



Justo Beramendi, Uxío-Breogán Diéguez, Alfonso Mato e Pilar García Negro serán responsables de tratar o contexto histórico do SEG, mentres para a traxectoria do seminario Ramón Villares Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa correrán cos relatorio.

Nas sesións da segunda xornada, para falar da etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua, estarán presentes Xerardo Pereiro, Susana Reboreda e Óscar Penín, Francisco Díaz- Fierros. Ana Acuña e Henrique Monteagudo.

A mesa redonda final, moderada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, contará con Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.

As celebracións do centenario do Seminario continuarán o xoves 12 coa andaina conmemorativa entre Santiago de Compostela e o castro de Ortoño, iniciativa que finalizará nun acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral. Posteriormente, ás 13.30 horas farase unha romaría na Carballeira de Ortoño con música e xantar.