O impacto da lingua galega na economía supón como mínimo 1440 millóns de euros

O informe presentado hoxe é pioneiro na valoración económica da nosa lingua

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou hoxe 'O valor económico do galego' un documento de traballo que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. Segundo os resultados deste informe o galego ten un impacto directo no conxunto da nosa economía de 1.440 millóns de euros de valor engadido (VEB) e 27.702 postos de traballo, cifras que aumentan se consideramos tamén os impactos indirectos e inducido. O Observatorio da Cultura Galega do CCG en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) elaboraron un estudio de datos que agora se reflicte neste documento de traballo pioneiro para a lingua galega, pero homologable aos realizados noutras linguas como o castelán, o portugués, o éuscaro ou o catalán na Comunidade Valenciana. O documento xa está dispoñible para a descarga e consulta.

Ademais dos valores intanxibles dunha lingua como ben patrimonial e de identidade cultural, ou de valores estratéxicos como elo de unión entre comunidades con linguas semellantes, tamén hai un mercado e "tamén se pode cuantificar e medir en termos económicos", afirmou hoxe A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación ante os medios desde documento de traballo. A decisión do equipo de investigación de levar a cabo o estudo con métodos homologables aos que xa existían noutras linguas do estado permite establecer unha comparación que leva a afirmar que o impacto directo do galego sobre a economía do galego en Galicia é case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana (1,3% do VEB) e inferior ao éuscaro no País Vasco (3,1% do VEB). Ambas entidades, para estimar o valor económico da lingua, comezaron delimitando os bens e servizos directamente relacionados coa lingua como elemento diferencial no seu proceso produtivo e, con posterioridade, as actividades que os producen. Con esta metodoloxía preguntóuselle a unha mostra de entidades pola proporción da súa produción atribuíble ao galego. De seguido, partindo da contabilidade rexional, calculouse a produción, o VEB e o emprego que provén desa produción en galego. Por último, usouse o modelo input-output de demanda para o cálculo do impacto económico total (directo, indirecto e inducido) da produción das ramas relacionadas co idioma.

Catro subsectores con diferenzas
Na súa elaboración o informe estima o valor da lingua galega dividindo en catro grandes subsectores ou grupos de actividades: educación; industrias culturais e medios de comunicación; promoción da lingua e da cultura das administracións públicas; industrias da lingua. O que presenta, segundo as conclusións, un maior impacto é o do educación (ensino obrigatorio e postobrigatorio, incluído o nivel superior universitario) que representa un 72,3% do VEB e un 68,2% do emprego xerado polo idioma, o que supón algo máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos equivalentes a tempo completo. O documento explica que se determinou pola lingua vehicular empregada na docencia, que, segundo as fontes manexadas, se sitúa nunha media dun 45,9%, con diferenzas relevantes entre etapas.

Comparando coas cifras coas doutras comunidades con linguas cooficiais, por subsectores, existen datos a destacar, como que a achega directa a esta valoración polo subsector da cultura e dos medios de comunicación é superior en Galicia, en parte porque hai unha implantación moi relevante do galego nesta industria. Practicamente a metade da actividade deste subsector é atribuíble ao galego: un 54,3% do total de VEB e un 47,9% do total de emprego de toda a industria da cultura e dos medios de comunicación de Galicia, independentemente da lingua. Comprende este caso uns 7.300 empregos.

Por outro lado no relativo ás administracións públicas (autonómica e local) este estudo asegura que a lingua galega xera a través delas 95,7 millóns de euros e 1382 empregos, un 6,7 % do VEB atribuíble ao galego, comprendendo todo este subsector dúas liñas de actuación públicas: a promoción da lingua en si mesma, e as actividades de promoción da cultura. No caso das relativas á promoción da cultura, calculouse a proporción atribuíble á lingua, entendida como as actividades culturais que se promoven neste idioma. A proporción global media deste última actividade é dun 90 por cento supoñendo este ítem 88,5 millóns de VEB e 1278 empregos dos atribuibles ao subsector das administración públicas.

Por último o sector das industrias da lingua, que comprende escolas oficiais de idiomas, academias de idiomas, actividades de tradución e interpretación así como as tecnoloxías da lingua supón unha contribución dun 0,5% ao VEB e ao emprego atribuíbles ao galego, o que significa 7,5 millóns de euros e 137 empregos.

O informe, presentado como "de mínimos" polos investigadores, contabiliza ademais dos impactos directos, outros considerados como indirectos e inducidos. Considérase como indirecto o procedente dos produtos intermedios adquiridos polos sectores vinculados á lingua galega para poder levar a cabo a súa produción: mentres que no inducido tense en conta , a produción e os postos de traballo que se xeran na economía a través do consumo por parte dos fogares que perciben rendas salariais procedentes directa e indirectamente das actividades en galego. Sumando os impactos directo, indirecto e inducido o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega valórasee, segundo o informe, en 2.694,6 millóns de euros e ata 49 893 postos de traballo.