
Segundo a sinopse da obra, Alba é unha atleta de éxito que loita por conseguir a vitoria e adestra duro para iso. É a favorita ao podio, pero a súa carreira verase truncada por un feito inesperado. Uns meses antes dos Xogos Olímpicos, a deportista é apartada da competición oficial. Para Alba nese momento o seu mundo derrúbase. Acompañada pola súa inseparable adestradora, verase nunha encrucillada na que loita por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. A montaxe estará en cartel na sede do CDG ata o domingo (incluído) e posteriormente contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española, tendo confirmada a representación en Logroño o 10 de novembro, no marco do 44 Festival de Teatro da localidade rioxana. Chegará a Madrid o 22 de febreiro do 2024 onde estará na Sala margarita Xirgú do Teatro Español ata o 24 de marzo.
Esta mesma semana tivo lugar a presentación da publicación do texto de 'Run baby run' da valdeorresa Fátima Delgado na colección Teatro da Editorial Galaxia. A dramaturga obtivo unha Axuda á Creación e ao desenvolvemento das Artes Escénicas da Comunidade de Madrid coa que escribiu o texto en 2018."Para escribir esta obra teatral, durante estes últimos anos investiguei sobre varias mulleres deportistas que sufriran discriminación de xénero no ámbito deportivo. Esta situación está totalmente de actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, algunha delas non sabe se lle permitirán participar. Non é común ver deporte feminino en escena e por iso pareceume necesario penetrarme nel desde unha perspectiva de xénero. Ademais, este tipo de inxustizas afecta maioritariamente ás mulleres e non aos deportistas homes", apunta a autora. E conclúe: "un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade".