Unha festa revivirá a andaina fundacional do Seminario de Estudos Galegos

O Galo dedica desde hoxe unhas xornadas ao centenario da institución científica

O Galo dedica desde hoxe unhas xornadas ao centenario da institución científica
A andaina fundacional do Seminario de Estudos galegos (SEG) centrará os actos de celebración do 100 aniversario da creación desta institución científica esencial que se está a lembrar este ano con diversas programacións. Sete institucións puxéronse dacordo para unir esforzos para levar a cabo unha xornada de festa o vindeiro 12 de outubro que comezará coa repetición do traxecto a pé entre Santiago de Compostela e Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro, no que 100 anos atrás xurdiu a idea de constituír no marco universitario un grupo consagrado á investigación da cultura galega. Co Consello da Cultura Galega como coordinador uníronse neste proxecto a Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego, Universidade de Santiago, Xunta de Galicia, Concellos de Ames e de Santiago de Compostela. Representantes de todas estas institucións presentaron hoxe esta andaina aberta toda a cidadanía, que incluirá a celebración dun acto festivo no campo da festa de Ortoño no que haberá música e un xantar popular. A loxística deste evento e as indicacións para tomar parte nel están detalladas nunha páxina web. Nos días previos á andaina levarase a cabo o congreso "Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos", que fará balance da significación da historia científica, intelectual e cultural de Galicia do SEG.

Como lembra o CCG, o 12 de outubro de 1923 Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría saen de Compostela camiño do castro de Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro. Alí concibiron a idea de constituír un grupo consagrado á investigación da cultura galega. A eles sumáronse Xulián Magariños Negreira, Ramón Martínez López e Francisco Romero Lema para asinar a constitución formal do Seminario de Estudos Galegos, baixo a presidencia do profesor Armando Cotarelo Valledor. "Foi a andaina fundacional dun grupo que tivo unha vida rica e que deixou unha longa pegada" explicou a presidenta do CCG ao destacar que o acto central da celebración busca "rememorar a viaxe daqueles mozos convidando á cidadanía a un día de festa". Como "romería" ou "festa" cualificou o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, este acto de celebración do 12 de outubro, que asegurou que "se convoca arredor dunha sementeira, porque somos fillos daquela xente que con tan poucos recursos pero con intelixencia puxeron as bases do que hoxe somos, foron quen de construír un discurso para o país". O representante do goberno autonómico, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística asegurou que "Esta é una efeméride dun día que marcou a creación da primeira infraestrutura cultural da que se dotou o país, con persoas de diferentes áreas de coñecemento, para a construción desde relato cultural tan necesario", apuntou que tamén quixo destacar a importancia de seguir velando e traballando para preservar este legado. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, pediu continuidade da lembranza do SEG e destacou tamén que o concello prepara un caderno específico sobre a historia do seminario, así como outros roteiros máis unha unidade didáctica, para darlle continuidade ao labor desenvolvido polo SEG.

Xornadas da asociación O Galo
No marco deste centenario hoxe mesmo a Agrupación Cultural O Galo de Santiago de Compostela bota a andar ás 19 horas as súas xornadas Seminario de Estudos Galegos (SEG) 1923-1936. Co lema "O estudo como instrumento para o cambio político-social", o programa continuará na libraría Couceiro, situada na compostelá praza de Cervantes, os vindeiros 27 de setembro e 5 de outubro. O historiador Miguel Anxo Seixas abre a iniciativa cunha palestra sobre "Recompilar e catalogar Galiza", mentres X. Antón Fraga abordará "A aposta polas ciencias no SEG" e Antón Costa Rico falará sobre a reivindicación dunha Escola Galega que realizaba o seminario. Na segunda sesión deste programa Uxío-Breogán Diéguez analizará o compromiso político co país do SEG. Seguirao unha intervención de Aurora Marco a falar sobre a presenza de mulleres nesta formación, e Xosé Ramón Pena fechará a sesión coa conferencia "Os novos contra os avellentados. A literatura de noso na xeira do SEG". O encontro finalizará o día 5 de outubro con Manuel Vilar a tratar sobre o interese pola etnografía do Seminario. Mercedes Rozas analizará a situación da arte en Galicia nos tempos do SEG e Ramón Ermida fechará as xornadas a falar sobre a represión que sufriu esta institución e os seus membros. A entrada ás actividades será de balde ata completar aforo.

Congreso previo á andaina
"Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos" é un congreso organizado polo Consello da Cultura Galega en catro sesións que terá lugar os días 10 e 11 de outubro e no que se abordará, entre outras ideas, a madureza da concepción como nación europea e na reivindicación do galego como idioma culto e plenamente desenvolvido. A primeira das sesións situará o proxecto de Seminario no seu contexto histórico. Será Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, quen ofreza ese marco ao que seguirá unha mesa redonda con Uxío Breogán, Alfonso Mato e Pilar García Negro. A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. A conferencia marco chega da man de Ramón Villares. Após a súa intervención, Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa profundarán sobre o tema nunha mesa redonda. As terceiras e cuartas sesións concentraranse nas áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Nestas sesións haberá dous relatorios destacados: un a cargo de Xerardo Pereiro, profesor asociado no Departamento de Economía, Socioloxía e Xestión, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que fala da antropoloxía dos discursos do Seminario de Estudos Galegos sobre as identidades galegas; máis outro de Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, titulado "lingua nacional, idioma moderno". O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.