O Pazo de Lourizán acollerá o Arquivo Histórico de Montes de Galicia

O complexo de Pontevedra combinará investigación e divulgación na súa nova etapa

| Santiago. Redacción | Seccións: Ciencia
Compartir:
Pazo de Lourizán. Fonte: Turgalicia.

Pazo de Lourizán. Fonte: Turgalicia.

A Xunta de Galicia converterá o Pazo de Lourizán na sede do Arquivo Histórico de Montes de Galicia. Este novo espazo pretende "recuperar, centralizar e conservar toda a documentación e información existente sobre o monte galego ao longo do tempo". O material integrarase na biblioteca forestal galega "e complementarase coa recuperación e exposición dos valiosos herbolario e bichario dos que dispón o centro, así coma un extenso mostrario de seccións de troncos de árbores", segundo informa a Xunta.

Este novo uso do complexo histórico sumarase aos xa existentes de investigación e formación coa idea de crear "un gran polo de estudo e investigación multisectorial de carácter público-privado" arredor do sector forestal coa participación de empresas e universidades.

Nesa liña, o Goberno Galego prevé o desenvolvemento dun programa ampliado de divulgación e unha potenciación do uso turístico do parque que rodea o pazo. Como primeiro paso neste sentido, anunciou a próxima organización de visitas guiadas ao complexo.

O Consello da Xunta aprobaba este 14 de setembro as bases que rexerán o concurso de ideas para a rehabilitación arquitectónica da finca, que se prevé licitar este mesmo mes. A partir das propostas que se presenten escolleranse oito finalistas e entre estas a que definirá a restauración e posta en valor destes edificios.

O Pazo, que conta cunha superficie de 46,55 hectáreas, adquiriu a súa conformación actual da man do político Eugenio Montero Ríos no século XIX, que fixo del a súa residencia de verán e acondicionou os xardíns.

A Xunta anunciou no verán de 2023 un investimento de case 18 millóns de euros para recuperar estes espazos logo de que o Tribunal Superior de Xustiza ditaminase que era a súa responsabilidade correr coas tarefas de conservación. O pazo ten na actualidade en tramitación o expediente para ser declarado Ben de Interese Cultural.

Que che parece esta nova?
93 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pontevedra, Xunta de Galicia, Ben de Interese Cultural, Goberno Galego