O galego soará no Congreso oficialmente o 19 de setembro

A Mesa do Congreso permitirá a utilización de todas as linguas oficiais nos plenos nos que se aprobará o seu uso permanente

| Santiago. Redacción | Seccións: LinguaSociedade
Compartir:
O galego soará no Congreso oficialmente o 19 de setembro

A lingua galega poderá usarse desde o vindeiro martes 19 de setembro nas cortes do Estado español en pé de igualdade co castelán, o catalán e o éuscaro por vez primeira. A Mesa do Parlamento desta XVª lexislatura aprobou hoxe a utilización con carácter provisional das tres linguas nos plenos do Congreso dos Deputados que se van celebrar martes e xoves e nos que xustamente vaise votar a modificación do regulamento da Cámara Baixa que regulará de aí en adiante o uso normalizado das linguas das nacionalidades históricas. O Congreso habilitará un sistema de tradución simultánea para facilitar o entendemento por parte de todos os representantes populares electos. Linguas recoñecidas en estatutos de autonomía como o bable ou aranés poderán usarse nos plenos, pero corresponderá quen as fale a súa propia auto tradución no tempo que teña asignado para a súa intervención.

Este fito lingüístico de recoñecemento das diversas linguas oficiais xurde dunha proposición de lei rexistrada conxuntamente polo Bloque Nacionalista Galego, PSOE, Sumar, Esquerra Republicana, EH Bildu e Partido Nacionalista Vasco. O cambio regulamentario farase en trámite de lectura única o que acelerará máis a súa aprobación que terá lugar a semana que ven nesas sesións plenarias nas que xa se poderán de xeito oficial usar todas as linguas para as intervencións. O texto da reforma regulamentaria poderá ser obxecto de emendas entre o martes e o xoves, cando se procederá ás súa votación e previsible aceptación.

Que che parece esta nova?
84 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Tradución, Lingua galega, Cortes, Igualdade...