O Piueiro embarranca e aviva a reclamación de amarres para as embarcacións tradicionais

O volanteiro tradicional foi contra as rochas do paseo marítimo da Guarda ao rachar o cabo de fondeo

O volanteiro tradicional foi contra as rochas do paseo marítimo da Guarda ao rachar o cabo de fondeo
O piueiro nas rochas. Fonte: Facebook da Asociación de Palangreiros Guardeses.
O volanteiro tradicional Piueiro embarrancou conta as pedras do paseo marítimo da Guarda na madrugada deste 5 de setembro ao rachar o cabo que o mantiña fondeado nas augas do porto desta localidade. O accidente provocou danos leves no casco e un deterioro importante no motor e na instalación eléctrica, que terán que ser reparados. A embarcación xa foi retirada cun guindastre e trasladada ao estaleiro da Pasaxe, tamén na Guarda, para estas tarefas.

O accidente motivou unha ampla resposta de diferentes entidades vencelladas á recuperación da cultura marítima. A ACD Dorna, a Asociación de Palangreiros Guardeses, Asociación Cultural Recreativa Sueste, Agrupación Folklórica Vento Mareiro ou o colectivo Os Pataxeiros amosaron o seu pesar polo accidente, a lamentar en varios casos a desprotección na que se atopa o patrimonio marítimo galego.

Do mesmo xeito,o Concello da Illa de Arousa amosou a súa solidariedade coa Asociación Piueiro e a solicitar "maior protección para o noso patrimonio marítimo do que tan orgullosos estamos e que precisa da implicación de tódalas administracións para a súa defensa e protección, provisión de amarres axeitados nos portos e normativa que recoñeza a súa singularidade e posta en valor". De xeito similar, tamén a asociación Os Pataxeiros solicítanlle ás administracións "que nos faciliten o amarre seguro e asumible dos barcos que forman parte do noso patrimonio".

A reclamación de amarres economicamente viables para as embarcacións tradicionais é unha antiga demanda dos colectivos de recuperación da cultura marítima. O alto custo de manter en porto este tipo de embarcacións fica en moitas ocasións fóra do alcance das asociacións e particulares que as manteñen, e levan a que a miúdo as mesmas fiquen fondeadas sen subxección ao porto, o que as fai máis vulnerables a ficar á deriva en caso de temporal.

O Piueiro, que se construíu a seguir técnicas e deseños tradicionais por iniciativa da asociación homónima, tivo a súa botadura en 2019.