David Rubín renuncia ás súas candidaturas nos Premios da Crítica do Cómic

O autor reivindica con esta acción unha maior presenza de autoras de BD nestes galardóns

O autor ourensán David Rubín non levará ningún dos tres Premios da Crítica do Cómic estatais aos que estaba nomeado. O debuxante renunciaba este 4 de setembro ás súas candidaturas como xeito de denunciar a ausencia de mulleres na listaxe de aspirantes aos galardóns. A revista Dolmen organiza estes recoñecementos estatais, que valoran cada ano os mellores traballos de cómic a partir das votacións de críticos do medio de todo o Estado.

David Rubín optaba aos premios á mellor obra estatal do ano, ao de mellor guión e ao de mellor debuxo pola súa novela gráfica O lume, publicada en español por Astiberri e en galego por Demo Editorial.

Segundo o comunicado que o autor publicou nas súas redes sociais "toda esa ilusión e alegría que me invade por tal recoñecemento vese embazada polo feito de ver que en ditas candidaturas non hai unha soa autora nomeada, algo que considero inxusto máxime tendo lido varias obras de autoras que podería perfectamente optar a eles".

"Levamos 23 anos no S. XXI e coido que hai que ir sacudindo prexuízos e tendo claro todos que non é correcto deixar a un lado e invisibilizar o traballo de moitas autoras que, nos últimos anos, teñen firmado algunhas da mellores obras do cómic español", apunta.