Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate seleccionados para os escenarios internacionais do WOMEX

A Xunta dará a coñecer proximamente os proxectos que integrarán o Focus Galicia

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Baiuca

Baiuca

Ven de presentarse a programación da vindeira edición do mercado das músicas Womex (Worldwide Music Expo), o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz, que terá lugar na Coruña do 25 ao 29 de outubro. A música galega terá unha importante presenza nos escenarios deste encontro internacional que volve a Galicia tras os encontros de 2014 e 2016 en Santiago de Compostela. O proxecto Baiuca forma parte da selección oficial que cada ano elixe un xurado internacional, mentres que Ailá e Trilitrate actuarán no escenario Atlantic Connections, instalado no Teatro Rosalía Castro e a través do que se celebrarán os fondos vínculos culturais e históricos entre Galicia e América Latina. Ademais, a organización acaba de anunciar que Caamaño & Ameixeiras actuará xunto con Karmeto (Castela-A Mancha), Niño Josele (Andalucía) e Tarta Relena (Cataluña) no espectáculo inaugural 'Resounding Picasso: Celebrating de Master’s Journey'. Nesta Noite Inaugural, Womex súmase á conmemoración dos 50 anos do pasamento do pintor Pablo Picasso, ofrecendo unha viaxe musical pola súa vida e obra da man de catro bandas que representan os lugares que marcaron a súa infancia e xuventude.

O evento contará, ademais da presenza de milleiros de axentes internacionais, tamén cunha nutrida delegación artística e empresarial galega no recinto feiral que se instalará no Palexco. Na presentación do programa o representante da Xunta, o director de AGADIC Jacobo Sutil, avanzou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar na organización do programa Focus Galicia, que terá lugar nos días previos ao inicio de Womex para incidir no obxectivo de aproveitar "as moitas portas que se abren para a nosa música grazas a unha feira destas características". Con tal fin, convidarase unha selecta escolma de programadores de festivais internacionais a participar nun "evento experiencial de identificación da música co territorio" e para favorecer, deste modo, a contratación de artistas e bandas da nosa Comunidade. Como adiantou Sutil, proximamente darase a coñecer a selección de 10 proxectos musicais, realizada a partir dunha convocatoria pública, que ofrecerán outros tantos showcases como parte central do conxunto de actividades de Focus Galicia.

Que che parece esta nova?
63 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Novos espazos sonoros para un legado

Novos espazos sonoros para un legado

No marco da 'revolución das pandeireteiras' o trad vese impulsado por artistas con ganas de experimentar cos estilos dándolles nova vida e usos ao legado musical