Segundo a lexislación vixente en materia de patrimonio todos os hórreos de máis de cen anos de antigüidade teñen protección como Bens de Interese Cultural en Galicia (Decreto 449/1973 do 22 de febreiro) pero esta cobertura xenérica non inclúe a súa catalogación individual e vixilancia o cal pode resultar en situacións complicadas. É o caso do hórreo situado na reitoral de Tortoreos, no Concello de As Neves (Pontevedra). O párroco, alertado polos veciños, ven de denunciar ante a Garda Civil o roubo de partes deste hórreo de máis de dous séculos e sete pés, segundo recolle hoxe o xornal La Voz de Galicia. A desaparición das pezas que integraban este elemento patrimonial non ten data exacta, xa que o lugar onde se situaba levaba tempo sen ser visitado polo crego, pero foi grazas a unha veciña que avisou desta subtracción recente á que hai que engadir outra anterior dun reloxo de sol da mesma finca. O hórreo é o máis grande e emblemático da súa zona, segundo explica o xornal, e como elemento identificador ten un galo labrado no frontal. O xornal especifica que do conxunto levaron todas as pedras e columnas do dous laterais asà como as da parte traseira deixando só unha pedra en pé. Xustamente esta semana daba comezo a campaña de sensibilización da Xunta de Galicia 'Por outros tantos máis' coa que o Goberno galego busca promover o coidado do patrimonio cultural da Comunidade autónoma.