Medallas de Galicia para a música

Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez recibirán as Medallas de Ouro do país

Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez recibirán as Medallas de Ouro do país
Luz Casal recollendo ao seu premio honorífico na gala dos X Premios Martín Códax
O Consello da Xunta decidiu hoxe designar aos músicos e intérpretes Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez como merecedores da Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción que outorga a Comunidade autónoma galega. O vindeiro día 24 de xullo faráselles entrega da distinción. O Goberno galego destaca a dos tres a súa "vinculación" con Galicia e o lugar "destacado" que ocupan no panorama musical galego, estatal e, mesmo, internacional.

Juan Pardo (Palma de Mallorca, 1942) criouse en Ferrol e tivo un papel importante no panorama musical español de finais dos anos 60 e principios dos 70, formando parte de bandas esenciais como Pekenikes ou Los Brincos. Moi cedo comezaría tamén a presentarse pola súa conta e compoñer cancións pop en galego neses momentos; foi tamén compositor de temas para outros artistas como Xil Ríos, Andrés do Barro ou a propia Luz Casal. En 1976 lanza o disco 'Galicia' con cancións todas elas en galego incluíndo algunhas baseadas en poemas de Eduardo Pondal ou Ramón Cabanillas e o propio Himno de Galicia. Durante a súa longa carreira tuvo moitos máis éxitos e nunca se afastou da súa terra de adopción na que seguiu residindo por temporadas.

Pola súa banda Luz Casal (Boimorto, 1958) engade este recoñecemento da súa terra natal ao galardón honorífico recollido nos recentes Premios Martín Códax da Música de Galicia. Nese momento, desde a asociación Músicas ao Vivo, a súa presidente Sheila Patricia afirmaba dela en declaracións a CulturaGalega: "Cremos que é unha das voces representativas da nosa música, quizais non con música en galego pero si unha muller que sempre reivindicou o ser galega. Todo o mundo a coñece, sabe a súa traxectoria e como marcou unha época e un estilo. Ademais deixa moi bo sabor de boca saber que estamos a honrar esas mulleres ao mellor non foron tan recoñecidas no seu momento". A artista conta con vinte discos gravados e é a promotora do Festival de La Luz no seu Boimorto natal. Ten recibido anteriormente o Premio Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez.

Ese mesmo galardón de Celanova tamén compartirá andel con esta Medalla de Ouro para Carlos Núñez. O gaiteiro vigués ém o máis novo dos tres músicos galardoados (1971) e acadou sona internacional a través da súa colaboración temperá co grupo The Chieftains para logo erixirse por méritos propios como un estandarte da música galega en todo o mundo coa súa achega ao son tradicional celta. Considerado un dos mellores coñecedores da música de raíz celta do mundo, cos seus discos e xiras percorre o mundo sen deixar de ofrecer na súa terra importantes concertos e participar activamente da vida cultural.