A Xunta publica na rede o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos

O volume de 770 páxinas inclúe ortofotos históricas e actuais canda a imaxes sobre as rutas de peregrinación

O web da Consellería de Medio Ambiente acolle desde este 8 de xullo a edición dixital do Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos. Esta monumental obra de 770 páxinas fora editada orixinalmente en papel en 2022 e agora ponse a disposición de todo o público a través da rede. Na mesma, pódense atopar 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.

Canda a estas, 241 fotografías repasan as ligazóns dos diferentes camiños coas correspondentes paisaxes. Sesenta e cinco capítulos, a razón de un por etapa das nove rutas oficiais percorren polo miúdo as xeografías das peregrinacións polo noso país, acompañados de textos en tres idiomas.

O Instituto de Estudos do Territorio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda foi responsable de elaborar esta publicación que pretende dar conta das distintas formas de paisaxe existentes no país a través do fío dos camiños a Santiago.