O Consello da Cultura Galega celebra 40 anos dunha "casa para todos e todas"

Rosario Álvarez destacou a profunda transformación da cultura galega

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:

Entre as singularidades do Estatuto de Autonomía de Galicia non é pequena a que figura no artigo 32: a creación cun Consello da Cultura Galega. Baixo a presidencia de Xerardo Fernández Albor na Xunta de Galicia aprobouse en 1983 a lei da institución, que concibía un organismo consultivo independente que figurara como alto asesor cultural. Hoxe o Consello da Cultura Galega celebra os seus primeiros 40 anos cun acto institucional que reuniu na sede no Pazo de Raxoi a destacadas figuras das institucións e do ámbito cultural. A presidenta actual do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou as transformacións e a ampliación do concepto da cultura nestes corenta anos e a necesidade de entender a cultura como un dereito dos cidadáns a que o legado dos seus devanceiros poida ser transmitido ás seguintes xeracións. Álvarez chamou a atención sobre varios puntos nos que as institucións e a sociedade deben poñer o foco nos vindeiros anos, como a necesidade de acadar pactos polo patrimonio e a súa sustentabilidade, nun contexto de cambio climático. En concreto, a presidenta do CCG referiuse á necesidade de prestar atención á implantación das enerxías renovables e os parques eólicos e como poden afectar ao patrimonio cultural. Rosario Álvarez reclamou tamén a necesidade de que os orzamentos autonómicos sobre cultura medren para equipararse á propia contribución que o sector da cultura fai á economía galega, cifrado nun 2,2%.

Que che parece esta nova?
58 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, Estatuto de Autonomía, Economía...