O IKFEM volve unir as fronteiras do río Miño

O festival transfronteirizo celebra a súa 11ª edición cunha vintena de propostas artísticas en espazos de interese patrimonial

O festival transfronteirizo celebra a súa 11ª edición cunha vintena de propostas artísticas en espazos de interese patrimonial
PIANO FLOTANTE DELPHINE COUTANT
O transfronteirizo Festival IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass) celebrará a súa 11ª edición con máis dunha vintena de actividades artísticas e musicais do 20 ao 25 de xullo dun xeito compartido entre Tui e Valença do Miño. A maior parte das propostas poderanse gozar desde lugares de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo e a Catedral de Tui, así como a praza da república de Valença do Miño ou a Igrexa de Ganfei. O Festival IKFEM contará, ademais, con IKFEM Creativa, un espazo colaborativo de promoción do talento local de Galicia e norte de Portugal con música, cociña, moda, danza, teatro, fotografía, pintura, grafiti, poesía, monólogos, videocreación e artesanía. O programa presentouse hoxe en rolda de prensa en Santiago de Compostela.

Este ano o IKFEM ofrecerá 12 concertos de entrada libre entre os cales un piano flotante no río e os 70 anos de carreira de António Victorino d'Almeida. O festival incluirá unha estrea mundial e artistas residentes da Fundación Alqvimia Musicae con música e videocreación. Abrirá o programa de concertos o espectáculo do piano flotante de Delphine Coutant, un espectáculo entre a mini ópera pop e a traxedia antiga no río Miño. Seguiralle o trío brasileiro de nai e fillos formado por Ellen de Lima, Rodrigo Almeida e Gustavo Almeida co Encontro de Gerações. A galega Antía Muíño chega ao festival coa presentación de Carta Aberta, o seu álbum debut, un diálogo entre a canción alternativa de autor, o jazz vocal e a música tradicional galaicoportuguesa.amén pasarán polo festival o pop de Néboa e o espectáculo infantil das Elektrofadas. O clásico e barroco terá tamén un espazo da man do pianista Daniel Pereira, que interpretará sonata de Beethoven, e Abraham Martínez cun repertorio barroco para órgano na catedral de Tui o 24 de xullo. A música cubana con melodías, ritmos e ricas harmonías estará tamén presente coa voz da soprano Pilar Moráguez e o acompañamento ao piano de Arabel Moráguez.

Ademais disto haberá dúas ocasións, unha na parte lusa e outra na galega, para asistir a un espectáculo da Fundación Alqvimia Musicae. Esta entidade sen ánimo de lucro realiza experiencias músico-visuais que consisten nunha conxunción de música en directo, con creacións visuais e mapping realizadas igualmente en directo e creada pola artista plástica Beatriz Rivas, sobre espazos de alto valor patrimonial ou cultural de cada cidade.O Convento de Gafei en Valença, e a fachada da Catedral de Tui serán os ecenarios privilexiados onde asistir a estas representacións musicais e visuais únicas, os días 23 e 24 de xullo.
Ligazóns