A Fundación María José Jove seleccionou os dous proxectos do seu Programa de Residencias Artísticas

Sabrina Fernández Casas e mais Diego Vites e Violeta Iglesias asinan as propostas escolleitas

Sabrina Fernández Casas e mais Diego Vites e Violeta Iglesias asinan as propostas escolleitas<br />
<br />
Sabrina Fernández Casas, Violeta Iglesias e Diego Vites. Fonte: Fundación María José Jove.
Un proxecto creativo que se achega ao traballo das Brigadas Deseucaliptizadoras, co título Alboroque, valeulle a Sabrina Fernández Casas (Xenebra, 1988) facerse cunha das dúas prazas do III Programa de Residencias Artísticas que convoca a Fundación María José Jove en colaboración coa NORMAL, Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña.

Canda a este, o xurado seleccionou o proxecto (Algo queda) (Máis do que parece), que presentaron Diego Vites (O Grove, 1986) e Violeta Iglesias (Ribeira, 1998) e que "combina situacionismo e tarot nun exercicio de aproximación ao mundo máxico presente na cultura popular galega" mediante dous achegamentos complementarios. En total, o programa contou con máis de duascentas solicitudes.

Canda unha das residencias conta cunha dotación de 6.000 euros e inclúe un espazo de traballo individual na NORMAL, acompañamento curatorial e recursos materiais e económicos para a produción de proxectos inéditos, así como aloxamento na residencia universitaria Elvira Bao, da Universidade da Coruña.

Segundo explica a organización do programa Alboroque parte do histórico documental O monte é noso de Llorenç Soler para propor "a gravación das intervencións de recuperación nos bosques autóctonos levadas a cabo polas persoas que integran estes grupos de traballo".

O segundo dos proxectos recupera o traballo etnográfico de Gustav e Marisa-Rey Henningsen ou o tarot deseñado por Xosé Vizoso para Edicións do Castro, "como exemplos da relación entre estas forzas máxicas que operan no territorio". Estes proxectos combínanse con traballos foráneos como o da artista Hilma af Klint ou Alejandro Jodorowsky a explorar, por unha banda "o máxico popular como ferramenta de creación artística" e pola outra "o emprego da creación como método para entender o misterio".

A Comisión de Avaliación do certame estivo constituída por Ángel Calvo, crítico de arte e comisario; Ane Rodríguez Armendáriz, xestora cultural e responsable do programa do Centro de residencias artísticas de Matadero de Madrid; Leticia Eirín, adxunta de Cultura da Universidade da Coruña e responsable de Normal e Susana González, comisaria e directora da Colección de Arte FMJJ.