A Xunta adianta os contidos do futuro Centro de Artes Dixitais do Gaiás

O espazo contará cunha sala de proxeccións e unha de realidade virtual, entre outras propostas

O espazo contará cunha sala de proxeccións e unha de realidade virtual, entre outras propostas
Recreación do espazo de videomapping no futuro Centro de Artes Dixitais.
A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acollía na mañá deste 30 de xuño a presentación do proxecto do futuro Centro de Artes Dixitais que se incorporará a este complexo. Segundo explicaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e mais a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, este novo equipamento marcará "un salto extraordinario na modernización do sector cultural galego" e permitirá aproveitar "a ventá de oportunidades que as tecnoloxías dixitais están a ofrecer como motor de desenvolvemento cultural e económico".

O novo espazo, que como estaba anunciado ocupará os sotos do edificio Fontán, absorberá un investimento aproximado de 4,5 millóns de euros distribuídos en varias anualidades. Os traballos comezarán o vindeiro outono con vistas a que o espazo abra as súas portas a finais de 2025. En canto a contidos, o futuro centro contará con "tecnoloxía de última xeración para vivir experiencias inmersivas e de realidade virtual e aumentada", así como "zonas de videomapping para intervencións artísticas de gran formato, áreas de experimentación con laboratorios creativos e espazos para a formación da comunidade escolar e artística".

Con estas instalacións, a Xunta quere que o novo espazo se converta "nun espazo de exhibición de referencia en España para acoller proxectos artísticos ambiciosos desenvolvidos a partir das artes dixitais". Canda a isto, asegura que nas instalacións desenvolverase "unha actividade como banco de experimentación onde as xeracións de creadores e creadoras galegas atopen recursos innovadores para levar a cabo a súa acción creativa".

De xeito máis concreto, o proxecto arquitectónico que se deu a coñecer na presentación inclúe ademais instalacións como un estudo de captación dixital de imaxe, un "estudo de son para a gravación, experimentación e creación de son dixital", un "espazo de procesado dixital, con capacidade de renderizado de imaxe de alta potencia" na Área de Realidade Virtual e o Polo de Arte Dixital. Pola súa banda, a Sala de Proxeccións de Videmappíng acollerá un "espazo de gran altura libre" aproveitable para "experiencias inmersivas e interactivas, proxeccións, videomapping ou probas con drons en interior". Un recinto de usos múltiples completa o proxecto.


Plano do Centro de Artes Dixitais
Plano do Centro de Artes Dixitais