O cineasta Asghar Farhadi protagoniza a nova mostra do CGAC

A beirarrúa pode visitarse ata o vindeiro 10 de setembro

26/6/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: arteaudiovisual
40 lecturas | Compartido 0 veces

Imaxes de A beirarrúa. Fonte: CGAC.

Desde o pasado 22 de xuño o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, acolle a exposición Asghar Farhadi. A beirarrúa. O cineasta iraniano protagoniza esta proposta, pioneira sobre a súa figura a nivel estatal. A fotografía, canda ao traballo con actores en teatro e cinema, son a base desta mostra, que comisarían Zara Fernández de Moya e Ahmad Taheri e que se poderá ver ata o vindeiro 10 de setembro.
Segundo explica o CGAC, a peza central da mostra, elixida polo propio Farhadi "é unha obra fotográfica a grande escala, composta por catro murais da rúa Vali Asr de Teherán, que foi rexistrada, ao longo de todo un ano, coa axuda das súas asistentes Tahmineh Monzavi e Leila Akhbari".

Santiago Olmo, director do centro, salienta na presentación do proxecto que "o carácter escenográfico e á vez coloquial da montaxe permite descubrir como os dramas e as inquietudes máis universais aparecen nos pregos da vida cotiá. Cunha mirada ácida pero compasiva e comprensiva, Farhadi móstranos como o cine pode chegar a ser unha ferramenta de aprendizaxe e coñecemento do mundo e das paixóns".

Farhadi está considerado internacionalmente como un dos cineastas máis singulares dos últimos anos. Membro de honra da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, situou o cinema iraniano en primeira liña da cinematografía internacional con dous premios Óscar á mellor película de fala non inglesa por Nader e Simin, unha separación (2012) ou O viaxante, galardoada no Festival Cannes no 2016. Na mesma cita de 2021 obtivo o gran premio do xurado por Un heroe.

O proxecto conta co apoio de Morena films (España), Memento Films (Francia), Asociación MED-OCC e Festival de Cine de Santander.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
3 lugares identificados