A Xunta abre o expediente para declarar BIC o Corpus de Ponteareas

A medida protexe de xeito preventivo esta manifestación festiva

A medida protexe de xeito preventivo esta manifestación festiva
Alfombra floral do Corpus en Ponteareas. Fonte: Turismo Rías Baixas.
O Diario Oficial de Galicia desde 21 de xuño recolle a incoación do expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Corpus Christi de Ponteareas. Segundo o texto, esta celebración "constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social, ritual e cerimonial, dotado cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo, para confeccionar un conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, provisto dunha significación cultural que supera o ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular e as súas manifestacións, circunstancia que implica un elevado coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais, tanto nas actividades produtivas coma nos procesos de posta en práctica".

No conxunto da festa, a declaración destaca a importancia que as alfombras florais, elaboradas para o paso da procesión, teñen na festividade, a sinalar que "é a mediados do século XIX, concretamente en 1857, cando se ten constancia documentada da celebración do Corpus en Ponteareas, representado por elementos locais moi significativos e diferenciables, os cales se mantiveron ata hoxe. Entre os máis relevantes pódense destacar as alfombras florais ao paso da procesión ou o cruceiro cuberto de musgos e animais, tradicións que enlazaban coas festividades florais populares dos Maios galegos". Destes elementos destaca ademais "a súa transmisión entre xeracións das comunidades locais, que manteñen as canles para a participación dos seus membros" mediante asociacións e encontros artellados nos portais da vila.

A declaración apunta ademais que "a particularidade do deseño e confección de alfombras florais para decorar as rúas no momento da procesión require que a veciñanza da cidade lle dediquen durante todo o ano parte do seu tempo ao traballo de preparación da festividade". O deseño das pezas, a campaña de promoción ou o tratamento dalgúns dos materiais empregados implican a parte da comunidade local ao longo do ano. O expediente recolle ademais o ámbito xeográfico no que se localizan estes elementos na vila e recolle os materiais que se empregan nas mesmas e mais as diferentes fases da súa elaboración.

Como medidas de salvagarda para a festividade, a declaración considera conveniente "proceder ao arquivo e á sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del" ademais incorporar a súa difusión ao ensino formal e non regulamentado. Entre elementos que se deben atender, enumera "a publicación da cartelaría da festa e, sobre todo, da revista Pregón, na que se escribe sobre diferentes aspectos da vila". Canda a isto, recomenda "a documentación e recollida de testemuños, material audiovisual e a compilación doutros rexistros de interese", ademais de destacar que "cómpre continuar coa realización de alfombras promovidas polas máis diversas entidades, comprometidas coa tradición e a súa necesaria transmisión como exemplo de cohesión cultural e identidade colectiva".

A declaración dispón agora dun prazo de 24 meses para se completar, quedando de inmediato a celebración cuberta pola máxima protección legal de xeito preventivo.