A Panadaría despide 'Elisa e Marcela' en xira

Hoxe haberá en Santiago dúas actividades previas á representación mañá no Teatro Principal

Hoxe haberá en Santiago dúas actividades previas á representación mañá no Teatro Principal
Despois de seis anos en cartel e máis de 280 funcións, 'Elisa e Marcela', o espectáculo máis premiado da compañía A Panadaría, despídese dos escenarios cunha xira que recala no Teatro Principal de Santiago este mércores 21 ás 20:30 horas e que porá o seu fin definitivo un mes despois no marco da MIT de Ribadavia, escenificándose dentro da Igrexa da Madalena. Co gallo da función de despedida do mércores, A Panadaría organizan outras dúas actividades en Santiago. A primeira hoxe, martes, ás 16 horas no Consello da Cultura Galega (2º andar do pazo de Raxoi) dará comezo Mulleradas, un faladoiro do pracer para mulleres a partir dos 50 anos. Nun espazo íntimo e seguro desenvolverase unha "xuntanza de autocoñecemento e intercambio da nosa memoria afectiva e do pracer". Cun enfoque feminista e de xénero, falarase con naturalidade da sexualidade e diversidade nas mulleres a partir dos 50 e da importancia que ten para a saúde e benestar. Tamén este martes, ás 19 horas, a libraría Lila de Lilith, acollerá a presentación dos libros 'Elisa e Marcela' e 'As que limpan', á que asistirán as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, así como a directora Gena Baamonde.

Sete son as oportunidades que hai desde hoxe nun mes de asistir á representación desta galardoada e recoñecida montaxe teatral. Á cita na capital galega deste mércores seguiralle o día seguinte outra en Pontevedra (Teatro Principal); o domingo en Monfero (Palleira da casa Lourán); Auditorio municipal de Vigo o xoves 29; Monterroso o venres 30 (Granxa Maruxa); Teatro Rosalía de Castro o sábado 1 de xullo e remate na MIT de Ribadavia o 21 de xullo. Así se porá punto final ao percorrido polos escenario desta montaxe tras seis anos viaxando por todas partes con éxito. "Elisa e Marcela" é un espectáculo que marcou varios fitos no recente teatro galego, sendo a primeira montaxe teatral da historia do teatro galego en abordar a temática lésbica de forma explícita e protagonista e a primeira tamén en poñer a historia destas dúas mulleres sobre as táboas. Unha historia real que logo foi recollido de outros moitos xeitos, audiovisual e mesmo en banda deseñada.

A historia de Elisa e Marcela ten o seu punto álxido o 8 de xuño de 1901, cando estas dúas mulleres casan na igrexa de San Xurxo na Coruña. Para conseguir enganar ao cura e facer oficial o seu amor, Elisa transfórmase en Mario. A voda e os posteriores sucesos que envolven a súa historia convérteas no primeiro matrimonio lésbico do que temos constancia en todo o Estado mais tamén nunhas das mulleres máis transgresoras da Historia de Galicia. Coa recuperación da súa historia desde as táboas do teatro, Elisa e Marcela convertéronse nun símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas. O espectáculo é unha iniciativa artística que pretende reivindicar a figura destas dúas mulleres e a necesidade da defensa da liberdade e diversidade sexual. A compañía teatral A Panadaría, conformada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, abordou teatralmente no ano 2017 este primeiro matrimonio homosexual cunha obra feita en coprodución co Centro Dramático Galego. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente do suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Con este espectáculo A Panadaría acadou catro premios María Casares en 2018: Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista. Entre outros galardóns, tamén obtivo o premio da Igualdade Luísa Villalta (2017), o premio Pluma (2021), o premio Begoña Caamaño. Cultura pola Igualdade (2020), o premio Las Horas (FCG 2019) ou o Premio do Público na Mostra de Teatro de Ribadavia e no Fetega (2018).