Berrobambán lanza dous podcasts e anuncia un novo proxecto escénico

Mulleres que viven soas e Facer memoria recollen o traballo da compañía escénica con testemuños reais

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Berrobambán lanza dous podcasts e anuncia un novo proxecto escénico

Co título de Mulleres que viven soas, a compañía Berrobambán acaba de pór na rede un podcast de dez episodios que "recollen experiencias de mulleres diversas en xeración e percorrido vital". A compañía conta coa locución de Xiana Arias e a gravación de Berio Molina para este proxecto, "un mosaico de voces, de experiencias, coas que sabermos que hai diferentes maneiras de construír un fogar". A proposta que se pode escoitar na plataforma Podgalego é tamén a base do vindeiro espectáculo da compañía.

Segundo adiantan, a montaxe mesturará historias reais e ficción coa intención de "acadar un contraste entre a realidade e as habituais fórmulas de retratar as mulleres que viven soas por parte da ficción, a literatura, a narración oral ou o audiovisual ao longo da historia". Paula Carballeira, Vero Rilo e María da Pontragha protagonizarán esta iniciativa.

Canda a este proxecto, Berrobambán está tamén a publicar na rede o podcast do seu proxecto Facer memoria. Esta iniciativa brindoulle voz ao público a posibilidade para contar dende un escenario as súas lembranzas en actividades que se desenvolveron o pasado outono nos concellos de Mañón, Teo, Carballo e Outes. Entrevistas individuais, xuntanzas abertas, reunións con escolares ou un encontro-espectáculo serviron como base para elaborar o material que agora se pode seguir en Podgalego.

Que che parece esta nova?
96 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Mulleres, Berrobambán, Espectáculo, Berio Molina...