A Cidade da Cultura contará cun novo espazo exterior para eventos

A fundación que xestiona o complexo destina 511.000 euros a acondicionar a área

14/6/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:

Recreación do novo espazo da Cidade da Cultura. Fonte: Contratos de Galicia.

Cun orzamento de 511.643 euros, a plataforma Contratos de Galicia publicaba este 7 de xuño a convocatoria para licitar a "Construción da reurbanización da área chamada Campo de Ocio na Cidade da Cultura de Galicia". A Fundación que xestiona o complexo do Gaiás promove esta actuación coa pretende urbanizar o espazo anexo á autoestrada A-9, ao sur-leste dos edificios principais, e axeitalo para acoller "eventos multitudinarios ao aire libre".

Segundo sinala o proxecto da actuación, este recinto, ao que tamén se denomina "Campo da feira" en diferentes documentos da licitación, contará cun espazo central elevado a xeito de escenario e incorporará bancos perimetrais que faciliten a visión do mesmo. Ademais, o conxunto rodearase de árbores de grande porte, contará con zonas de céspede e con pérgolas que facilitarán sombra ou refuxio da choiva segundo sexa necesario.

Na memoria, elaborada por Trespés Arquitectos, sinálase que a inspiración deste novo espazo está nos campos da feira "dende os máis tradicionais aos máis actuais". Segundo o documento "partindo da urbanización existente, decídese facer unha plantación con arbores de gran porte que conforman un circulo, a lubre da cidade da cultura, o lugar onde celebrar". Arredor deste espazo "entre as arbores, espazos para realizar a feira, para merendar, desfrutar da sombra, para estomballarse na herba..."

As actuacións afectarán ademais ao estacionamento existente na zona, que se integrará co resto dos espazos deste tipo existentes no Gaiás, e desenvolverán un paseo que facilitará o acceso peonil ao complexo. Ademais, instalaranse bancos e mellorarase a accesibilidade. O prazo de execución das obras é de seis meses, polo que se agarda que a nova área poida entrar en funcionamento para 2024.

Recreación do futuro espazo para eventos exteriores no Gaiás

Recreación do futuro espazo para eventos exteriores no Gaiás

Que che parece esta nova?
51 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Gaiás, Cidade da Cultura de Galicia, Feira

Claves

Conceptos
Lugares