Os Premios Mil Primaveras recoñecen catro iniciativas pioneiras a prol do galego

A entrega dos galardóns desenvolverase o vindeiro 9 de xuño en Pontevedra

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
Os Premios Mil Primaveras recoñecen catro iniciativas pioneiras a prol do galego

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este 9 de xuño ás 19:30 horas o acto de entrega dos IV Premios Mil Primaveras. Estes galardóns que convoca a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) pretenden "valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio".

Nesta cuarta xeira, o xurado galardoou a Asociación Faladoiros Vigo, un proxecto que artella espazos amables de conversa en galego na cidade olívica, tanto presenciais como en liña. A iniciativa pretende "formar comunidade onde poder comunicarse con fluidez e adquirir o costume de falar en galego", segundo explica a organización.

Tamén viu recoñecido o seu traballo Caranvexo TV, canle audiovisual escolar do Concello de Moaña que "promove o uso oral da lingua entre a infancia e a mocidade nun contexto educativo, creativo e divertido". O xurado destacou o ser "un exemplo da colaboración entre un SNL local e a comunidade educativa".

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Rexenerando, S. Coop. Galega foi outra proposta recoñecida no certame. Este proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico "fomenta a participación para crear comunidade lingüística por medio da reflexión e o debate", segundo apunta o fallo dos premios. "Unha das súas potencialidades é que aborda o conflito lingüístico dun xeito innovador para activar falantes entre iguais", destaca o xurado.

O último destes premios, sen dotación económica, foi para Na Utopía. Esta plataforma de obradoiros en liña en galego destaca para o xurado pola súa "innovación e que cobre un nicho de mercado presente con proxección de futuro", ademais que pola "calidade dos contidos, da imaxe e da comunicación e o feito de asociar a aprendizaxe co lecer".

O acto de entrega dos premios contará coa actuación de Matrioskas, unha proposta de narración e música creada por Marta Ortiz e Sofía Espiñeira.

Que che parece esta nova?
71 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con CTNL, Pazo da Cultura de Pontevedra, Concello de Moaña, Lingua galega...