O CGAC propón un percorrido pola traxectoria artística de Almudena Fernández Fariña

'Pisando charcos' é o nome da exposición que pode verse ata o vindeiro 10 de setembro

'Pisando charcos' é o nome da exposición que pode verse ata o vindeiro 10 de setembro
O venres pasado o Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurou a exposición 'Pisando charcos', que ofrece un percorrido polo traballo de Almudena Fernández (Vigo, 1970) ao longo de trinta anos de carreira, resituando a súa traxectoria e desvelando a unha artista inédita cuxa versatilidade queda patente nunha serie de procesos paralelos que inclúen prácticas fotográficas, bordados, pezas cerámicas ou libros obxecto. Concibida como unha sucesión de diálogos entre Almudena Fernández Fariña e algúns dos seus referentes, esta exposición constitúe unha invitación a trazar percorridos alternativos, descubrir novos significados e reactivar debates nos que o espectador desempeñe un papel activo. Susana Cendán comisaría esta mostra que estará no CGAC ata o 10 de setembro.

O contexto, a relación co lugar, ocupa un lugar fundamental nas formulacións artísticas e intelectuais de Almudena Fernández Fariña, algo evidente nos seus proxectos site-specific, os cales teñen en conta o conglomerado de aspectos físicos e topográficos, formais, simbólicos, históricos, políticos, económicos, sociais ou institucionais que definen os espazos sobre os que a artista intervén. Os ditos proxectos foron recollidos nun vídeo documental que se proxectará nunha das salas. Pisando charcos verase complementada en xullo cunha nova obra que parte desa mesma idea, Flor de acanto, a intervención realizará en xullo no vestíbulo do CGAC e na que articula un diálogo entre a arquitectura deste edificio, deseñado polo arquitecto Álvaro Siza, e o contiguo mosteiro barroco de San Domingos de Bonaval, tomando como punto de partida unha folla de acanto esculpida na súa fachada.
Ligazóns