Oitenta e dous espazos escénicos recibirán axudas á modernización

Repartiranse 1,23 millóns entre 33 auditorios públicos e sete de xestión privada

A Xunta de Galicia ven de resolver a segunda convocatoria de axudas da liña destinada á modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e musicais, que supón un novo investimento de 1,23M€ , ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, na mellora de 40 teatros, auditorios e salas de toda Galicia, dos que 33 son de titularidade pública e sete privados. As contías concedidas destínanse maioritariamente á renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción, así como ao acondicionamento e rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático. As contías outorgadas oscilan entre os 16.000 e os 50.000 euros por proxecto, chegando a subvencionarse ata o 80% do orzamento da proposta no caso dos espazos privados e o 70%, no das entidades públicas. No caso dos espazos de xestión privada a contía máxima adxudicada se dedica ao Auditorio Mar de Vigo, unha infraestrutura de propiedade municipal xestionado pola empresa Organización de Ideas de Éxito S.L., que contará con 30.000 euros desta liña, mentres que no caso dos espazos de xestión pública os concellosd e Lousame, Oleiros, Porriño e Valga acada as máximas contías con 50.000 euros ou moi preto desa cifra.

Infraestruturas en 36 municipios
A provincia da Coruña conta desta volta con 22 espazos adxudicatarios. Deles, a Sala Gurugú da Coruña, o Teatro da Beneficencia de Ortigueira e o Centro Sociocultural de Rianxo atopábanse xa entre os 23 apoiados na primeira convocatoria desta liña de axudas. As novas incorporacións son o Fórum Metropolitano da Coruña, a Casa da Cultura de Bertamiráns en Ames, o Salón de Actos da Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez, a Aula Municipal de Cultura de Betanzos, o Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños, o Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee, a Sala Ruido Blanco e o Teatro Jofre de Ferrol, a Casa da Cultura de Lousame, o Auditorio Alfonso Eanes de Negreira, a Casa da Cultura Antón Avilés de Noia, o Auditorio Gabriel García Márquez de Mera en Oleiros, a Casa da Cultura de Ordes, a Casa da Cultura de Porto do Son, o Auditorio Municipal de Santa Uxía de Ribeira, o Auditorio Municipal de Rois, o Riquela Club e a Sala Sónar de Santiago de Compostela e o Salón de Actos da Casa da Cultura de Touro.

No caso de Lugo, nesta segunda quenda subvenciónanse catro infraestruturas (Auditorio Municipal de Burela, Casa da Cultura de Foz, Casa da Cultura de Sarria e Auditorio Municipal de Sober), coas que se elevan a dez os espazos da provincia que acometen melloras incentivadas por estas axudas. En Ourense, a adxudicataria deste ano é a Sala Bajo 5 do Barco de Valdeorras, mentres que en 2022 apoiáronse outras dúas entidades.

Na provincia de Pontevedra sitúanse outros 13 espazos subvencionados, que se incorporan aos 15 adxudicatarios en 2022. O Teatro Principal da Estrada repite nesta listaxe, á que se suman agora o Auditorio da Xuventude de Cambados, o Auditorio Municipal de Catoira, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar, o Centro Cultural Municipal do Porriño, o Auditorio do Multiúsos da Xunqueira en Redondela, o Auditorio Municipal Manuel Dopazo de Silleda, o Auditorio Municipal Multiúsos de Arcade en Soutomaior, o Auditorio de Goián en Tomiño, o Edificio Multifuncional de Valga, o Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces e o Auditorio Mar de Vigo e a sala La Pecera de Vigo.