A Praza da Quintana acollerá unha renovada Semana do Libro de Compostela

A SELIC Criminal reunirá o máis destacado do panorama ibérico do xénero negro

A Semana do Libro de Compostela, SELIC, o festival da lectura organizado desde o Concello de Santiago como alternativa e complemento das feiras do libro, ven de presentar a que será a súa VIIª edición, a celebrar do 9 ao 18 de xuño. Tras celebrarse varios anos noutros espazos da cidade, este ano volve a onde comezou, na Praza da Quintana e o programa inclúe a ampliación da oferta e outras novidades temáticas. A Semana do Libro de Compostela acollerá 26 postos de librarías e editoras, e a programación terá unha media de seis actividades por xornada, entre as que se inclúe un paseo diario. Autoras e autores galegos estarán presentes en contacto cos lectores, nun programa que ten tamén sitio para nomes internacionais de recoñecido prestixio, como Cristina Morales (Lectura fácil), ou o supervendas italiano Bernardo Zannoni.

Con todo a gran novidade desta VII edición é a estrea da SELIC Criminal, unha sección coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, que nace con vontade de ser cita de referencia do xénero en Galicia. Este apartado dedicado ao xénero negro, en toda a súa diversidade, reunirá o máis destacado do panorama ibérico a fin de semana do 17 e 18 de xuño. A autoras e autores galegos como Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo ou Patricia A. Janeiro, súmanse nomes como Arantza Portabales ou Lorenzo Silva, así como dous dos principais autores portugueses do xénero, Francisco J. Viegas e Francisco Moita Flores. Procurando ofrecer unha perspectiva heteroxénea, non só a literatura terá presenza, senón que tamén haberá oco para o audiovisual, con convidados como o guionista Pepe Coira.

Literatura e outras artes
A lectura xuntarase con outras disciplinas, principalmente a música, o teatro e o audiovisual. Así, por exemplo, este ano poderemos achegarnos á obra publicada de Chévere a través dunha performance que contará con Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, ou a 'O lume' de David Rubín a través da dramatización de Xosé Barato. Mención á parte merece a relación de literatura e música, xa moi presente en anteriores edicións. Este ano salientan figuras como a cantautora madrileña Cristina Rosenvinge ou o mozambicano João Afonso. Ademais, un concerto-recital xuntará a Olga Novo e Su Garrido Pombo, nunha actividade desenvolvida a proposta da SELIC.

A SELIC contará nesta edición coa colaboración da Fundación Antonio Pereira e da Fundación Carlos Casares, así como do Festival Internacional de Narración Oral Atlántida, da Biblioteca Ánxel Casal e de Agareso. Igualmente, mantense con forza a liña de traballo a nivel escolar, con visitas de alumnado de cinco centros de ensino (non só de Compostela, senón tamén de Brión ou Fisterra), que gozará de programación específica.