
En total serán catro proxectos os que participarán desta acción, e as súas creadoras e creadores estarán titorizados pola guionista Isabel Peña, que realizará sesións individuais con cada participante para revisar os textos e o seu desenvolvemento ademais de encontros grupais nos que se fomentarán a sinerxías e o traballo colaborativo.
A residencia achegará ademais formacións específicas en materias como a perspectiva de xénero na escritura de guións, a cargo de Carmen Ávalos, os efectos visuais, con Pablo Lamosa de Cormorán VFX, ou os novos modelos de distribución que impartirá Elena Neira. Ao remate da experiencia, a organización do proxecto seleccionará un dos guións participantes para o seu desenvolvemento a través dun acordo de colaboración cunha productora galega.
O prazo de presentación de iniciativas está aberto ata o vindeiro 15 de xuño. As bases establecen que dous dos catro guións que resulten seleccionados deberán estar escritos por mulleres. As propostas, que serán seleccionadas por un xurado profesional, daranse a coñecer na XVI edición do FICBueu, que se desenvolverá o vindeiro mes de setembro.