
O evento, aberto ao público, está organizado pola Facultade de Filoloxía e Tradución e conta coa colaboración das vicerreitorías de Estudantado e Empregabilidade e de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e forma parte do ciclo Conversas coa nosa xente. A cita será á 19.00 horas e contará coa participación dos escritores Pedro Feijoo, María Xosé Porteiro e Manuel Forcadela, todos eles con novelas ambientadas en Vigo, e do profesor da Universidade do Minho Xaquín Núñez Sabarís, premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020 e primeiro autor en estudar a categoría Vigo Noir nos estudos literarios. Detrás desta iniciativa están José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución; Blanca Miranda Rodas, estudante de doutoramento que está investigando sobre a tradución do Vigo Noir e Iolanda Galanes Santos, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución.