Quiosco: Anuario Brigantino 44

Durante cada venres deste mes terán lugar en Betanzos o Ciclo de conferencias do Anuario Brigantino

O número 44 do Anuario Brigantino editado polo concello de Betanzos, inclúe 19 artigos de investigación histórica, artística, literaria e antropolóxica de ámbito galego ou local, á que se engade unha sección dos acontecementos do ano e das memorias das entidades culturais da cidade. Nesta entrega da reputada publicación achéganse artigos sobre patrimonio, arqueoloxía, Historia, arte, etc. Así pode atoparse nas súas páxinas, dispoñibles para descarga en Pdf, un traballo do Grupo de Arqueoloxía da terra de Trasancos sobre os gravados rupestres no concello de Paderne; ou un artigo de Felipe Arias e Mª Dolores Dopico sobre a Ara romana de Perbes, así como unha revisión e actualización do corpus de inscricións romanas de Galicia, asinado por Juan Manuel Abascal. No caso da investigación histórica, esta edición do Anuario ofrece tamén variados contidos entre o social e o político, como unha crónica do Somatén Armado en Betanzos entre 1920 e 1932, que presenta José Luis Crespo Garrido; ou un artigo sobre os deportados galegos nos campos de concentración da Alemaña nazi (1940-1945) pertencentes á comarca de Betanzos, que asinan Alba Garrido Fernández e Carlos Lozano González, entre outros contidos. A arte ten tamén o seu espazo nestas páxinas, tanto na lembranza do músico Carlos López García-Picos, que fai Javier Ares coma no detalle do proceso de restauración do retrato de Carmen Echeverría-Olaverri pintado por Víctor Morelli, entre outros contidos como un artigo de Yosune Duo Suárez sobre a representación da tecnoloxía no parque do Pasatempo de Betanzos. Este anuario recolle ademais as palabras de despedida do seu anterior director Alfredo Erías Martínez, así como a homenaxe que se lle fixo desde a redacción.

Durante cada venres deste mes terá lugar en Betanzos unha conferencia do ciclo do Anuario Brigantino, dedicadas á historia local da vila. Durante estas catro citas celebraranse os distintos aniversarios que fan varias institucións locais. Así na primeira xornada celebrada o venres, Ángel Arcay e Paz Moreno, abordaron os 40 Anos do Museo das Mariñas; o vindeiro venres, 12 de maio, varios poñentes achegaranse á celebración dos 100 anos de Pai Menni, institución sociosanitaria creada por Juan García Naveira. Cen son tamén os anos que celebra a Casa Núñez, sobre o que falará o venres 18 Pedro Galilea, director de la Fundación CIEC. O día 26 de maio rematará este ciclo con Alejandro Sánchez, director do CEIP Vales Villamarín, falando dos 50 anos do centro.