Matarile estrea FRÁXIL handle with care

O festival Escenas do Cambio en Compostela acolle este 5 de maio a nova proposta da compañía

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Matarile estrea FRÁXIL handle with care

A fechar a súa Triloxía da fraxilidade, a compañía escénica Matarile presenta este venres 5 de maio no Salón Teatro de Compostela FRÁXIL handle with care. Esta obra, que estrea no marco do festival Escenas do Cambio, é unha coprodución con Teatro Español e o Centro Dramático Galego.

Antecedida por El diablo en la playa (2020) e Inloca (2022), a nova montaxe que lidera Ana Vallés pretende, segundo a directora, abordar "a fraxilidade do paseo, do que pasa, do que foxe, da conversación peregrina que nos leva, buscando algo, dun lugar a outro; aceptando o desarraigamento e asumindo o desexo de mostrar un saber torcido, iluminado oblicuamente". Segundo ela, "nesta forma de pensar coas tripas que nos caracteriza, recoñecemos 'o que non pode dicirse e só pode ser mostrado' sen necesidade de preguntarnos se é verdadeiro ou se ocorreu realmente".

En conexión con isto, o derrubamento da hexemonía europea leva á autora a fantasear "cunha Europa lavada ou arrasada pola choiva, na que fose varrido o eurocentrismo. Unha Europa porosa, capaz de ser observada, construída, habitada desde outras perspectivas, tamén cos seus propios ollos, os nosos ollos. Quizais a auga de choiva nos faga máis flexibles. Quizais nos permita recuperar a inxenuidade necesaria para poñer outro prato na mesa".

Pau Cólera, Antón Coucheiro, Claudia Faci, Celeste González e Alfredo Pérez poñen sobre as táboas este texto de Vallés a combinar teatro e danza. Despois da estrea, a montaxe poderá verse no Salón Teatro entre os días 10 e 14 e entre o 17 e o 21 deste mes. Con posterioridades viaxará á Sala Max Aub do Matadero de Madrid onde permanecerá entre o 30 de xuño e o 16 de xullo.

Que che parece esta nova?
70 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Escenas do Cambio, Salón Teatro, Centro Dramático Galego...