Premios da Crítica española para Brais Lamela e Yolanda Castaño

'Ninguén queda' e Materia foron as obras escollidas entre as publicadas en galego en 2022

| Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
Compartir:
Obras gañadoras

Obras gañadoras

A Asociación Española de Críticos Literarios fixo público o pasado venres en Málaga os autores e obras destinatarios dos Premios de la Crítica en todos os idiomas oficiais do Estado a libros publicados en 2022. Distinguidos, ademais de polo idioma, entre os xéneros de narrativa e poesía, no caso das obras publicadas en galego o xurado decantouse pola narrativa de "Ninguén queda" (Euseino editora) de Brais Lamela (Vilalba, 1984) e no caso da poesía foi para Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) por Materia (Eds. Xerais). Os galardóns no teñen dotación económica e o seu valor é o do prestixio que supoñen.

A obra de Lamela comeza co traslado forzoso dos habitantes dunha aldea en 1960 pola construción dun encoro e segue os pasos dun mozo galego en Nova York mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos da Terra Chá levantados pola ditadura naquel momento. Os pisos de estudantes no estranxeiro, as comunas que emerxen dos restos dos encoros e os personaxes ensimesmados que acumulan fragmentos de tempo esquecido conflúen nun relato sobre a existencia do fogar en circunstancias límite; un relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada, segundo comunica a editorial. O xurado destacou a frescura da proposta, derivada dunha certa hibridación discursiva e dunha aparencia de provisionalidade e falta de pretensións que esperta de inmediato a empatía do público lector.
No relativo á obra premiada de Yolanda Castaño, en Materia a autora explora a memoria histórica familiar e os clarescuros da renuncia á maternidade cunha proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun propio ton. O xurado destacou o poder material do léxico, a súa forza evocadora e sensorial así como a eficacia coa que se explotan as súas posibilidades lúdicas e irónicas.

Que che parece esta nova?
111 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Yolanda Castaño, Narrativa, Poesía, Asociación Española de Críticos Literarios...