Un volume do CSIC repasa a historia do barrio de Vite

Joel R. Gômez asina Vite de Compostela: a comunidade (auto-) construída, dispoñible para libre descarga

A historia e transformacións do barrio de Vite nos seus 25 anos, desde o comezo da súa construción en 1978 ata 2022. Este é o obxecto do libro Vite de Compostela: a comunidade (auto-) construída, que presentou esta semana o xornalista Joel R. Gômez e que ve a luz da man da delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e mais de Companha Editora.

O volume repasa a importancia que a mobilización social, tanto na forma de protestas como a se artellar mediante propostas asociativas, tivo na configuración desta zona. O barrio pasou de ser un espazo marxinal moi afectado polo andazo da droga entre os anos 80 e 90 e ser un barrio integrado na cidade e cunha comunidade cohesionada e participativa.

Segundo lembra a presentación do volume, "para os progressos efetuados resultárom decisivas as mobilizações da população; e o plano sociocomunitário do bairro, em andamento desde 1990, que impulsou a associação de vizinhos Polígono de Vite. Esse plano favoreceu a organização de atividades culturais, educativas, de saúde, de ócio e tempo livre, desportivas, formação laboral, procura de emprego, cuidado do ambiente e outras, orientadas para toda a comunidade, com apoio das Administrações Autonómica, Estatal e Local".

O volume intégrase no proxecto Vite Arquiva para a recuperación da memoria do barrio, que desenvolven diferentes axentes locais coa colaboración do CSIC no marco do proxecto Habitpat. No marco deste proxecto desenvólvense actividades de documentación da historia do barrio e propostas de recollida da memoria local.