A Escola Aberta de Arte cumpre dous anos achegando o medievo ós nenos

EducARTIva

Os maiores e os nenos son os protagonistas das últimas iniciativas culturais que se están desenvolvendo estes días. E empezamos cos nenos, ós que Escola Aberta de Arte de Ferrol destina a maior parte das actividades que programa no seu II aniversario. Un evento que pretende introducir ós máis novos no medievo. E, por outra banda, os maiores son os destinatarios da última campaña que acaba de poñer en marcha a Consellería de Cultura. Trátatase de "Contos de ler e contar" pola que se pretende que os máis vellos ocupen parte do seu tempo de lecer na lectura de libros.

Aniversario con nenos


Hai dous anos que A Escola Aberta de Arte de Ferrol botou a andar. Un tempo adicado á promoción da arte e da cultura entre todos os colectivos da cidade departamental. E agora, conmemorando o seu aniversario, programan unha serie de actos que servirán para dar a coñecer a súa actividade na cidade de Ferrol. Os actos xa comezaron hai uns meses cando se achegaron ó medieval nos seus cursos para nenos. Unhas clases nas que os máis cativos ilustraron cantigas da época de Afonso X o Sabio, ilustráronas e fixeron edificios de época con caixas de cartón. E é que o tema que unifica os actos conmemorativos están centrados no achegamento ó medievo. Por iso, ademais, das actividades con nenos celebrarán un concerto na concatedral de San Xulián ás oito e media da tarde do mércores. Un concerto no que actuará o grupo compostelano Maladança. Un mesmo escenario que servirá de exposición dos paneis nos que estiveron traballando outros grupos da Escol Aberta de Arte durante este curso. Son seis paneis de 60 por 100 centímetros pintados ó temple de ovo, técnica da época medieval e que representan imaxes das cantigas.
Polo demais, os actos continúan o venres con dous eventos que se celebrarán no Ateneo Ferrolán. Ás sete e media da tarde inagurarase a exposicion dunha vila medieval construída e decorada polos nenos. Unha mostra que precederá á conferencia sobre os instrumentos do Pórtico da Gloria que ofrecerá o director de Malandança, o luthier Francisco Luengo.













E cursos para maiores


Os maiores son os protagonistas do cursos que acaba de dar a coñecer a Consellería de Cultura. Son os "Contos de ler e contar" cos que desde a Xunta se pretende que os maiores dediquen unha parte do seu tempo libre á literatura. E todo iso implica que os maiores se concentren nun local para lerlle historias ós nenos. E estas actividades inícianse en Redondela, onde o fogar da terceira idade acollerá a primeira desta lecturas. E para iso contarán cun libro que inclúen relatos de escritores galegos como Fina Casalderrey, David Otero, Xabier P Docampo e Paco Martín.
Esta iniciativa pretende, pola súa parte incrementar os datos de lectura da poboación. De feito, segundo a última estatística que revelaba frecuencia de lectura, os galegos aparecían nunha boa posición (un 80´9 por cento dos rapaces galegos len entre tres días e todos os días da semana). Unha situación, que segundo o Conselleiro, Xesús Pérez Varela, están en relación de iniciativas como as presentadas e que contibúen a potenciar o hábito lector.