Trinta e sete espazos creativos da Coruña participan na iniciativa Estudios Abertos

Os lugares de traballo de diferentes artistas abren ao público as súas portas este sábado 15 de abril

Este 15 de abril, entre as 11 da mañá e as 8 da tarde, un total de 37 espazos creativos da Coruña estarán accesibles ao público. O concello promove un ano máis a iniciativa Estudios Abertos que conta coa colaboración de profesionais de escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica e propostas multidisciplinares que dan a coñecer os seus espazos de traballo.

O programa é gratuíto para a cidadanía e os espazos participantes contarán con programación propia durante toda a xornada a incluír "a participación de artistas convidados e outras sorpresas". Segundo explica o concello, o obxectivo desta iniciativa é "coñecer de primeira man os artistas coruñeses, os seus centros de traballo e creación e os seus procesos creativos".

Segundo adianta a organización, no programa participan Ali Ali (pintura), Alfonso Deus (pintura), Carlota Bueno Hermida (pintura), Carmen Soriano Pereda (escultura, pintura e cerámica), Chelo Facal Casado (pintura e escultura), Daniel Remeseiro Rodríguez (multidisciplinar), Diego Avendaño (multidisciplinar), Edgar Ortiz (pintura e fotografía), Emile Gireau (escultura), Fernando Blanco Guerra (pintura e escultura), Giovani Ramírez (pintura e escultura), O Raposo Púrpura (pintura e escultura), Jano Muñoz (pintura), José Méndez (escultura), Juan Mirando (pintura e escultura), Julia Ares Iglesias (multidisciplinar), Laureano Vidal (pintura), Lidia Carrión (debuxo e pintura), Luis Mazorra e Bego Tojo (pintura e escultura), STOLAT (multidisciplinar, pintura e música), Manuel Suárez (pintura), Cillas Rodríguez (multidisciplinar), María Gisela Galván (pintura e multidisciplinar), Luisa Valdés Aguirre (pintura), María Xesús Díaz (pintura), Marta Pardo de Vera (pintura), Ese Sitio (ilustración), Noemí Penela (pintura), Xermán Rodríguez (escultura), Óscar Cabana (pintura), Pedro Bueno Salto (pintura e cerámica), Pilar Fandiño (pintura), Ramón Astray (pintura), Raúl Álvarez (pintura), Román Romeral (pintura), Simone Maestra (pintura), Vítor Mejuto (pintura) e Vítor Rodríguez (pintura).