Nace o festival Norte Cinema Diverso de cine LGTBIQ+

O Teatro Colón da Coruña acollerá a primeira edición o 21 e 22 de abril

Nove curtametraxes, catro documentais e dúas longametraxes forman a programación da primeira edición do festival audiovisual Norte Cinema Diverso, que terá lugar no teatro Colón da Coruña os días 21 e 22 de abril. Este evento de nova creación procura dar unha visibilidade concreta ao cine LGTBIQ+ de cara a toda a cidadanía, especialmente aos centros educativos e á propia comunidade LGTBIQ+ . O ciclo está organizado desde a Asociación Palestra en colaboración co Concello da Coruña e a cinemateca da Fundación Pedro Zerolo. O festival incluirá a entrega dun premio patrocinados polas Bodegas Martín Códax, que darán nome ao premio Marieta Martín Códax a mellor curtametraxe. Fernando Cayazzo é o director do certame e segundo el "a través do cinema destrúense prexuízos e reflíctese a loita do colectivo coa creación de referentes e a achega de visibilidade ás vidas e historias das persoas LGTBIQ+". Dentro do programa do NCD inclúese un encontro con rrtistas no que estarán presentes Richard Zebelzu, director; Carla Antonelli; Joao Maia,director; Borja Lynch, director; Vicky Calavia, directora; Magdalena Calabrese, produtora; Quiela Nuc - Colectivo NucBeade, directora; Andrea Beade - Colectivo NucBeade, directora; Anxos Fazáns, directora; Gerardo José Pérez Meliá, Director da Cinemateca Pedro Zerolo.