A Real Academia Galega ven de estrear na canle de Youtube institucional e na súa páxina web o primeiro episodio da serie web documental que lle dedica ao protagonista do Día das Letras Galegas 2023. "Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu" arrinca co capítulo titulado "As luces primeiras", centrado na infancia do intelectual en Lourenzá e os primeiros anos da mocidade. A produción audiovisual percorre en seis entregas a traxectoria vital de quen foi unha figura central da resistencia cultural do galeguismo despois da guerra civil, cofundador da editorial Galaxia, ponte entre a xeración Nós e as vindeiras, tamén entre o exilio interior e a diáspora en América, presidente da RAG e impulsor de moitas outras iniciativas que procuraron a recuperación da lingua e a identidade de Galicia en tempos escuros. Cada luns estrearase nestes espazos dixitais un novo capítulo desta serie realizada para RAG pola produtora Miramemira baixo a dirección do lugués Damián Valera e sobre guións de Belén Rivero. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco. A rodaxe realizouse nas tres localidades que marcaron a vida de Francisco Fernández del Riego: a súa Lourenzá natal, Santiago de Compostela e Vigo.
A narración avanza coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro. O primeiro capítulo conta coa colaboración especial de nenos e nenas do CEIP Juan Rey e repasa a infancia de Francisco Fernández del Riego no seo dunha familia acomodada de Lourenzá e mais a adolescencia e os primeiros anos de mocidade, que transcorreron tamén en Monforte de Lemos -onde estudou nos Escolapios- e, máis adiante, Santiago de Compostela, onde se trasladou a familia para darlles estudos universitarios a todos os irmáns. O relato lembra a intensa afección temperá á lectura de don Paco, a súa amizade con Álvaro Cunqueiro, a quen coñeceu sendo aínda un cativo nas festas do Conde Santo de Mondoñedo; as súas primeiras publicacións na revista Páginas Calasancias e Vallibria, que dirixía Trapero Pardo; continúa co espertar ao galeguismo consciente cando comeza a estudar Dereito en Madrid e avanza o activismo político e cultural xa de volta en Galicia, cando o 25 de xullo de 1931 iza a bandeira galega e le dende o balcón do concello de Lourenzá o que foi seguramente o primeiro manifesto de celebración do Día de Galicia na Mariña lucense.
O intenso compromiso galeguista que desenvolveu nos anos universitarios en Compostela será a cerna do segundo episodio; o terceiro afondará nos tempos da guerra e os primeiros pasos da posguerra, nos que Del Riego se implicou de cheo na organización da resistencia cultural; o cuarto capítulo dedicarase ao papel que desempeñou como ponte co exilio en América e coas novas xeracións; o quinto tratará a creación e a evolución do Día das Letras Galegas e o sexto profundará na propia obra de don Paco como escritor, editor ou articulista. Ademais dos múltiples tes4timonios persoais achegados, a montaxe enriqueceuse con material dos arquivos audiovisuais da CRTVG, o CGAI, a Filmoteca Española, Ricardo Gurriarán e a USC, e fotografías e outra documentación da Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, Manuel Román e Lume Aceso, entre outras entidades.