O Consello da Cultura custodiará o fondo documental de Lois Tobío

A entidade dedícalle unha xornada ao histórico galeguista a coincidir co seu 20 cabodano

A entidade dedícalle unha xornada ao histórico galeguista a coincidir co seu 20 cabodano
Lois Tobío. Fonte: Fondo de Lois Tobío no CCG
A coincidir co vinte cabodano do falecemento de Lois Tobío, a sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela celebra este 13 de marzo unha xornada de homenaxe ao escritor e diplomático. Ademais, na mañá desta mesma data, a entidade asinaba un acordo con Constanza Tobío, filla do homenaxeado, pola que custodiará o fondo documental deste histórico galeguista.

Este material, que, segundo a institución "inclúe correspondencia, manuscritos e documentos referenciais" sobre momentos clave do exilio republicano galego ou da fundación do Consello de Galiza, súmase á correspondencia do homenaxeado que xa dixitalizara o CCG.

A xornada Os anos de Lois Tobío desenvólvese a partir das 17 horas cunha intervención na que Constanza Tobío falará sobre a memoria do seu proxenitor. A continuación desenvolverase unha mesa redonda moderada por Xosé Manoel Núñez Seixas na que Ramón Villares, Marga Romero Emilio Xosé Insua abordarán o poliédrico legado do que foi membro do Seminario de Estudos Galegos, diplomático, xornalista, escritor ou impulsor do Consello de Galiza no exilio.

A coincidir coa data, o Consello publicou na rede unha escolma destes fondos "que nos permite albiscar a densidade e relevancia da documentación gardada". Fotografías. A biografía do homenaxeado no Álbum de Galicia, unha galería fotográfica ou unha selección do epistolario son algúns dos contidos aos que se pode acceder no web do CCG.