As redes de ordenadores sen fíos propáganse por diferentes cidades de Galicia a través de iniciativas voluntarias

A rede non ten cordas

No futuro as computadoras estarán conectados entre si sen cables e de xeito gratuíto; é a tecnoloxía sen fíos ("wireless"). En moitos países a experiencia xa comeza a facerse realidade apoiada por grandes empresas ou gobernos. En Galicia, como en moitos outros lugares, as redes deste tipo comezan a nacer promovidas por grupos de afeccionados á informática que as ven coma unha alternativa libre, gratuíta e descentralizada a unha internet cada vez máis controlada por grandes compañías.

Unha pequena antena asoma da fiestra dun edificio no centro de Compostela. Non é para recibir as ondas de televisión, é para conectarse a internet. Varias persoas na cidade teñen as súas antenas, e moitos máis conéctanse entre si a través de ondas aéreas, sen necesidade de ningún tipo de cable e de xeito totalmente gratuíto. Intercambio de arquivos, acceso a información compartida entre computadoras, xogos en rede ou correo electrónico, todo a unha alta velocidade de transmisión, son algunhas das posibilidades que oferta a rede. Ademais, pódese compartir a través destas redes sen fíos unha conexión a Internet e dispor de todos os servicios na rede en calquera lugar no que haxa cobertura. Só hai que mercar o equipo necesario e pórse a traballar. A conexión é de balde. Vigo, A Coruña, Compostela, Salvaterra ou Betanzos son algunhas das cidades que contan con experiencias deste tipo, sempre partindo de iniciativas privadas e habitualmente en fase experimental.

De conexión
Grupos de afeccionados á informática percorren algunhas cidades e vilas galegas buscando as zonas máis axeitadas para situar as súas antenas e vendo as zonas en que a conexión funciona mellor. Os promotores de Betanzos Wireless cóntannolo no seu web, “estas probas consistiron en ir pola cidade cun portátil -Si, somos os tolos eses do portátil negro, ¿que pasa?- facendo probas de cobertura”. Para conectarse unicamente fai falla unha tarxeta que custa entre vinte e sesenta euros e que se axusta directamente no computador e, en caso de haber pouca cobertura, unha antena que se pode fabricar de xeito caseiro. De feito unha das máis populares e baratas constrúese cunha lata cilíndrica de patacas frixidas e permite conectarse con bastante comodidade desde dispositivos móbiles.

Os nodos
Para montar un nodo ou punto de acceso xa fai falla, coma nunha rede convencional, unha computadora que se encarga de dirixir o tráfico. De calquera xeito, e ao ser maioritariamente un traballo que se fai por amor á arte (e á rede), os promotores deste tipo de iniciativas tentan optimizar os recursos dispoñibles. “Nós temos puntos de acceso que son PCs vellos con Linux”, explica Santiago García desde Betanzos, “neste caso o custo serían os da tarxeta e os do PC, que é practicamente nulo porque usamos máquinas obsoletas, cun 486 con 8 megas de memoria e un disco duro calquera xa nos vale, ou incluso sen disco duro se nos poñemos farrucos”. Co nodo debe instalarse unha antena máis potente que poida achegar máximo de cobertura aos usuarios, sempre coidando de non provocar interferencias e de cumprir as normativas a este respecto. O custo deste tipo de instalacións oscila, segundo varios dos promotores da rede sen fíos entre os sesenta e os douscentos euros, dependendo do custo da antena, dos cables desta ou do que se queira gastar na computadora.

Compostela
En Compostela está en marcha Santiago Wireless, unha iniciativa que, aínda en fase de probas, cubre boa parte da cidade e mesmo dos barrios periféricos con diferentes nodos. O material finánciase coas achegas dos interesados e contan coa axuda da empresa Ozono Multimedia para o apoio técnico e a hospedaxe do seu web. Na actualidade están en vías de legalizarse coma asociación para contar con máis recursos para o seu traballo e dar a coñecer o seu proxecto. A súa intención de cara ao futuro é “conformar unha rede organizada ao longo de Santiago que sexa independente da aparición e da desaparición de nodos”, apunta Iván Antón, un dos encargados da rede e traballador de Ozono Multimedia. A idea é que o sistema poida automaticamente desviar o tráfico aínda que falle algún destes puntos de conexión. A canda esta iniciativa, en Compostela existía ata hai pouco outro experimento, SCQWireless, promovido por Luís Villaverde, informático. Segundo el “a nosa experiencia é negativa, por motivos de graves interferencias deixamos de lado o proxecto”. Dun xeito semellante, barrios da Coruña e de Vigo contan con cobertura para conectarse gratuitamente a unha rede.

Beta Wireless
Tamén en lugares máis pequenos, coma Betanzos e Salvaterra, grupos de persoas puxéronse a traballar nas redes sen fíos. En xullo do 2002, coincidindo coa Feira Franca, facíanse as primeiras transmisións sen cable en Betanzos. Desde entón a rede foise completando e cubrindo a maior parte da cidade e parte dos arredores á altura dos tellados, aínda que recoñecen que é máis complicado desde andares inferiores e que existen moitas zonas de sombra no sinal. A nivel de servicios, a rede Beta Wireless permite crear unha conta de correo no dominio betawl.net, accesible tamén a través dunha rede convencional, así coma acceso a un servidor desde o que descargar diferentes programas de Linux. Segundo explica Santiago García, un dos encargados deste proxecto, a idea naceu “co espírito de ser unha rede libre á que se poida conectar calquera e que poida usar calquera”. Seguindo este espírito, a conexión é ben sinxela “métese a tarxeta no trebello, pónselle todo en automático e se se está nunha zona de cobertura xa se configura todo soíño”. De cara ao futuro, están a pensar en unir a súa rede á coruñesa ou co veciño concello de Paderne. aínda que recoñecen que a orografía do país dificulta un pouco isto.

Futuro e problemas
O proceso continúa. Mentres en grandes cidades do mundo xa comeza a ser habitual o traballar conectados á rede desde calquera lugar, de xeito gratuíto e sen necesidade de cables, en Galicia van avanzando este tipo de iniciativas a canda algúns experimentos públicos neste sentido, coma é o caso do nodo sen fíos instalado na Facultade de Física da Universidade de Santiago. Os problemas técnicos aínda existen, “as wireless non penetran nada ben nos edificios”, explican desde Betanzos, “o clima afecta moito, e tamén a presencia dos inhibidores de frecuencias que existen por temas de seguridade en diferentes organismos oficiais”, apuntan desde Compostela. Sen embargo, os que defenden este tipo de conexións téñeno claro, como sinala Luís Villaverde: “persoalmente penso que a Xunta comete un grave erro apoiando a Telefónica e a R, tanto coa cablaxe coma na telefonía rural avanzada, cando podían estar usando sistemas máis rápidos e baratos”.