Quiosco: GRIAL 236

A revista ofrece un monográfico sobre a relación entre educación e cultura e revisa o legado de Xoán González-Millán

O número 236 da Revista Grial. Revista Galega de Cultura, editada pola Editorial Galaxia céntrase como monográfico na educación, baixo o título de "A cultura galega ante os cambios educativos". Con este monográfico, Grial manifesta que a educación é cultura e que, ao tempo, a cultura se xoga na educación. A revista presentarase públicamente este xoves 9 de marzo ás 17 h, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela, ofrecendo unha mesa redonda que leva por título 'A cultura galega ante os cambios educativos', nela intervirán Bieito Silvia Valdivia, Ramón Facal, Carmen Morán de Castro, Mar Lorenzo Moledo, Xulia Crespo, Manuel Vieites e María López Sández.

No primeiro artigo deste número, Bieito Silva Valdivia avalía a posición do idioma galego no sistema educativo, a regulación do uso escolar das linguas e a evolución do marco normativo e as implicacións destas mudanzas para o galego. Alejandro Pérez Díez e M. Carmen Morán de Castro analizan en "Cambio climático e sistema educativo. Límites e posibilidades da LOMLOE", a dimensión educativa da emerxencia climática, o lugar que se lle outorga nos novos currículos e, en suma, abren unha vía para comprendermos as previsibles mudanzas de sensibilidade cara ao medioambiente nas futuras xeracións. Pola súa banda, Ramón López Facal percorre as transformacións experimentadas desde o franquismo e nas sucesivas leis educativas e, recollendo iniciativas anovadoras no campo da didáctica das ciencias sociais en Galicia como o Proxecto Terra ou o traballo de colectivos como Aula Sete e Sine Nomine, pon en perspectiva e contextualiza a situación actual. Manuel Vieites parte da análise do concepto reducionista, que tradicionalmente se empregou ao falar de "educación artística", para perfilar toda a complexidade que encerra o achegamento a unha realidade tan heteroxénea e complexa e analiza os procesos de cambio. Así mesmo, María del Mar Lorenzo Moledo e Julia María Crespo Comesaña profundan nos aspectos metodolóxicos que se potencian na lei, e que poden propiciar unha educación contextualizada e afincada nela. O numero completase coas seccións habituais de Historia e Memoria, Feminismos, Música, etc., onde resalta a dedicada á obra do intelectual e crítico Xoán González-Millán, vinte anos despois do seu pasamento por un accidente. Artigos de Álex Alonso, Dolores Vilavedra, María do Cebreiro Rábade e Dany Barreiro afondan no seu legado.