Exposicións en Padrón e na Coruña súmanse á conmemoración do Ano Picasso

A Fundación Camilo José Cela e a Casa Museo do pintor acollen as novas propostas

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Exposicións en Padrón e na Coruña súmanse á conmemoración do Ano Picasso

A sede da fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, Padrón, acolle desde o pasado 28 de febreiro a exposición Picasso vivo. O legado picassiano de Camilo José Cela. A mostra, que se poderá ver ata o vindeiro 31 de maio, repasa "a historia de amizade que viviron Cela e Picasso a través dunha colección de máis de 40 pezas entre documentos, textos, obras de arte e distintos utensilios que se agasallaron entre eles", segundo sinala a Consellería de Cultura.

A proposta permite ver distintas obras realizadas por Picasso en colaboración con Cela como Dibujos y escritos, as primeiras probas e manuscritos de Gavilla de fábulas sin amor, que contou con 32 ilustracións do pintor, fotografías, libros e outras pezas que amosan esta relación.

Pola súa banda, a Casa Museo Picasso da Coruña abría este 2 de marzo a exposición Abrindo a nosa colección, que se poderá ver ata o vindeiro 25 de abril. Na mesma recupéranse contidos do cartafol Homenaxe a Pablo Ruiz Picasso elaborado en 1980 no que participou unha selección de creadores contemporáneos do pintor. Deste xeito, pezas limitadas de pintores e escultores como Pablo Serrano, Antonio Saura, Antoni Cravei, Juan Genovés, Lucio Muñoz e Rafael Canogar, compositores Cristóbal Hallter, Federico Mompou, Xavier Montsalvatge e Luís de Pablo, ou os poetas Vicente Aleixandre, Jorge Guillén, Gabriel Celaya, Rafael Alberti, Salvador Espriú e Blas de Otero fan parte da mostra.

Canda a isto, a exposición recolle tamén textos da poeta Eva Veiga, da profesora de Historia do Arte María Gil Martínez e do musicólogo Xoan Carreira, sobre a relación de Picasso cos artistas e intelectuais da súa época e mais cos participantes no cartafol.

Que che parece esta nova?
122 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Picasso, Camilo José Cela, Padrón, Fundación Camilo José Cela...