Presentouse o programa de actividades das diferentes institucións implicadas no Día das Letras

Un percorrido pola vida e obra de Fernández del Riego con máis dun cento de paradas

Un percorrido pola vida e obra de Fernández del Riego con máis dun cento de paradas
Acto de presentación na Cidade da Cultura de Galicia
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe o acto de presentación do conxunto de actuacións institucionais que, desde diversas entidades, conforman o programa de actividades co que ao longo de todo o ano se renderá tributo e divulgara a vida e obra do homenaxeado no Día das Letras galegas, Francisco Fernández del Riego. O programa, que inclúe máis dun centenar de propostas de ámbito literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar, está impulsado pola Xunta, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega e a CRTVG en colaboración co Concello de Lourenzá e coa Mesa Coordinadora D. Paco, así como coa de numerosas editoriais galegas (Xerais, Bolanda, Ir indo e Galaxia), e entidades e empresas de diversos sectores como Renfe Viajeros, Gadis, Vegalsa-Eroski, Feiraco e Xurdir, entre outras. Representantes destas institucións estiveron hoxe presentes no acto: o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da Corporación Radio e Televisión de Galicia, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López.



Como cada ano, a programación das Letras Galegas será transversal e inclúe unha batería de iniciativas centradas nas distintas facetas que desenvolveu o homenaxeado. Así, contempla proxectos expositivos como a mostra itinerante "Cos ollos do espírito", promovida pola Xunta coa colaboración de Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, das que o homenaxeado foi director. A esta exposición súmanse outras como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas 2023, que tamén poderán verse a través do Portal da Lingua Galega, ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Ademais, os centros da Xunta albergarán actividades como a obra de teatro 'A viaxe feliz' de Ramón Sanfiz, da compañía Fantoches Baj; contacontos como 'Un día para as Letras: Pequena biografía ilustrada de Francisco Fernández del Riego', a cargo de Polo Correo do Vento; actuacións musicais, como a 41º edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; obradoiros na Cidade da Cultura e nas bibliotecas públicas ou especiais na CRTVG que, entre outras accións, emitirá os programas de radio Galicia por diante e Diario cultural desde a vila de Lourenzá o vindeiro 17 de maio.

Epistolario, Primavera das Letras e serie documental desde a RAG

Entre outras iniciativas, a RAG editará as cartas que intercambiaron Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego, que verá por fin a luz pública nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero. O epistolario está composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a del Riego. As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de don Paco terán ademais como punto de encontro o simposio que a Real Academia Galega organizará, como xa é tradición, no outono. Pero o groso da actividade académica dedicada á divulgación entre o público xeral do legado de Francisco Fernández del Riego centrarase no primeiro semestre do ano. O vindeiro 6 de marzo a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá a través da páxina web primaveradasletras.gal unha biografía teatralizada. Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina 'As cousas de don Paco', un percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo.

Lourenzá será o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol. Lourenzá e Vigo serán igualmente espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará a Francisco Fernández del Riego. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG.


Web, facsímile e Concerto das Letras desde o CCG

O pasado 7 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Del Riego, o Consello da Cultura Galega puxo en rede un espazo web que concentra todos os materiais e recursos desenvolvidos ou promovidos pola institución arredor da figura do intelectual. Inclúe información biográfica, gravacións sonoras, audiovisuais e outros materiais, entre os que destacan os fondos epistolarios de Fernández del Riego que se conservan no Consello da Cultura e o “Cartafol de prensa”, coa publicación das súas colaboracións xornalísticas na prensa da emigración en América. Esta foi a primeira acción do CCG, á que seguirán, como vén sendo habitual, un concerto e unha publicación. No mes das Letras presentarase a edición facsimilar da obra "Na espera do amigo", publicada en Vigo por Edicións Aguatinta (1994) con ilustración de Laxeiro. Contará con estudos introdutorios de Xosé López González, Carlos López Bernárdez e Beatriz Liz de Cea máis a nota de Román Pereiro, que foi o responsable de que este proxecto vira a luz hai case vinte anos desde Aguatinta. Con motivo da presentación, que terá lugar en Vigo, levarase a cabo unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego co mundo artístico e cultural da cidade olívica.

O CCG realizará tamén outras actividades máis alá do mes de maio. En novembro organizará na localidade de nacemento do homenaxeado, Lourenzá, unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego coa emigración galega e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América. A décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o serán do 16 de maio no Teatro Afundación Vigo, xira musicalmente arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, dos seus gustos e da importancia que Fernández del Riego lle daba á música. O concerto comezará coa 'Suite Vigo', do compositor Reveriano Soutullo (Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932). Deseguido interpretarase 'Concerto grosso', escrito en homenaxe a Bach por Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), nunha clara conexión entre o papel de Del Riego e o que se estaba a escoitar naquel entón. A terceira peza será a obra composta para a ocasión encargada polo CCG. Desta volta, o compositor vigués Brais González Pérez preparou unha Sinfonietta sobre textos de Xaime Isla Couto e Salvador García Bodaño dedicados a Francisco Fernández del Riego. A peza ten dous movementos corais e un instrumental que están vencellados a Del Riego a través da música e dun dato biográfico que el mesmo declarou en numerosas ocasións: o feito de que a súa melodía popular favorita era 'A miña burriña'. Para o traballo de composición Brais González Pérez fixo tamén un labor de reestruturación de estrofas e versos a partir do texto de Salvador García Bodaño.

Programación no exterior
Ao igual que o ano pasado, "terá un papel fundamental a programación das Letras Galegas no exterior dado o enorme labor que desenvolveu o homenaxeado á hora de promover a lingua e cultura galega na Galicia interior e na externa", destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Así, celebraranse encontros, actividades e talleres a través da Rede de Centros de Estudos Galegos e lectorados da Xunta de Galicia, repartida polos diferentes continentes, que levarán a pegada de Del Riego a cidades como Zadar (Croacia), Madrid, A Habana, Oxford, Lisboa, Budapest ou São Paulo.