O Esmorga Fest revive como "infinito" grazas ao acordo coa Deputación de Lugo

O festival de Sarria que anunciara a súa desaparición xa ten datas en maio e primeiros nomes no seu cartel

Tras o anuncio da desaparición definitiva do Esmorga Fest a mediados do mes de xaneiro, orixinouse unha corrente de apoios e agarimos cara a este evento de referencia da música independente e alternativa de Sarria que culminou con novo comunicado de resurrección. A organización fixo público a finais do mesmo mes un acordo coa Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo que lles deu as garantías precisas para cubrir as axudas necesarias desde organismos públicos cara a continuidade da cita referencial de Sarria no panorama musical. Hoxe o festival xa ten datas, sacou á venda os abonos e inicia a presentación do seu cartel artístico. O novo "Esmorga infinita" levará a cabo a súa nova edición os días 19 e 20 de maio e conta xa con cinco nomes que ofrecer dentro da súa liña musical: Los Punsetes, The Parrot, Ghouljaboy, Castro e Yawners.