A galería Nordés recunca como única galega en ARCO

As firmas galegas continúan a apostar polas feiras de arte paralelas para se dar a coñecer en Madrid

As firmas galegas continúan a apostar polas feiras de arte paralelas para se dar a coñecer en Madrid
Por segundo ano consecutivo unha soa galería, Nordés, recunca como única representante da arte contemporánea galega na feira ARCO, en Madrid. No evento, que abre as súas portas este 22 de febreiro e transcorre ata o 26, a firma compostelá achegará obras de Pablo Barreiro, Rosendo Cid, irene grau + alberto odériz, Julia Huete, Narelle Jubelin, Miguel Marina, Alberto Odériz e Luisa Pastor.

En Art Madrid, que se desenvolve tamén entre os días 22 e 26, increméntase a presenza de galerías galegas. Continúan nesta cita a coruñesa Moret Art, que conta cunha selección artística totalmente galega composta por Álvaro de la Vega, Héctor Francesch, Iván Prieto, Lino Lago, Miguel Piñeiro e Xurxo Gómez-Chao, e mais a compostelá Luisa Pita, que inclúe nas súas filas a Ana Margarita Ramírez, David Planas, Fernando Suárez Reguera, Juan Adrio, Laura Nieto e Pierre Louis Geldenhuys. Como novidade, a compostelá Metro entra nesta feira cunha selección de pezas de Carmen Pastrana, Federico Granell e Pedro Peña Gil.

Baixa, no entanto, a representación en Justmad, onde Metro tamén está presente, e quedan só dúas das catro firmas que acudiron á edición anterior. Canda a Metro, que leva traballos de Lúa Gándara, Ana Pérez Ventura e Paula Vincenti, mantense nesta cita a galería Trinta con obras de Vari Caramés, Mar Vicente, Daniel Verbis e Curro Ulzurrun. A cita transcorre entre os días 23 e 26. Finalmente, a galería Montenegro achégase á feira Standarte, onde presenta obra de Lucio Muñoz.