Un certificado para o xornalismo dixital contra a desinformación

O Colexio de Xornalistas crea un rexistro de medios dixitais para avalar os seus estándares profesionais

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de poñer en marcha NRede, un Rexistro de Medios Dixitais Galegos para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital. Ante a crecente aparición de espazos en internet susceptíbeis de seren considerados medios de comunicación, NRede vai ofrecer á cidadanía a garantía avalada polo Colexio de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas ou para acreditarse en determinados eventos. A creación dun rexistro de medios dixitais é unha iniciativa para a dignificación do xornalismo na rede, que xa se puxo en marcha noutras autonomías, como é o caso do ROMDA do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía.

Segundo o CPXG, NRede vai servir para que as institucións, empresas e cidadanía en xeral poidan saber se o sitio web que están a visitar cumpre, de maneira probada, cos requisitos para poder ser considerado un medio de comunicación, coas garantías que iso supón para a información que forneza. Deste xeito, mantén o Colexio, dótase á poboación dunha ferramenta para evitar caer na desinformación que fomentan webs non profesionais, ao tempo que se facilita ás autoridades, á sociedade civil e ao mundo empresarial un listado de medios de comunicación dixitais da nosa comunidade que poden tomar de referencia para consulta de información ou para o envío de notas de prensa. No que respecta ás e aos xornalistas, o feito de identificarse como traballadores dun medio de comunicación recoñecido como tal ha facilitarlles a acreditación en todo tipo de eventos e conferencias de prensa, dotalos de garantías fronte a posíbeis menosprezos e ataques por parte de actores de todo tipo e permitirlles xustificar o seu traballo informativo ante as autoridades.

Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos quedarán rexistrados nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía. Serán recoñecidos tamén mediante o selo de Medio Dixital Galego, co seu numero de rexistro, que poderán amosar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos. Este selo terá vixencia anual, sendo necesaria a súa renovación pasado este tempo. Ademais, o Colexio de Xornalistas solicitaralle á Xunta de Galicia a inclusión dos medios certificados por NRede na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica. Para solicitar a inclusión no rexistro de NRede, o medio debe estar constituído como empresa xornalística ou entidade legalmente rexistrada (ou ben o seu/s autor/es ou autora/s estaren dados de alta como autónomos/as), estar ao corrente das obrigas con Facenda e a Seguridade Social e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial cando menos unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou colexiada no CPXG. Os medios inscritos deben desenvolverse principalmente na contorna dixital e cubrir información de interese xeral mediante a produción propia de contidos actualizada de forma periódica. Son requisitos esixidos polo CPXG tamén un mínimo de seis meses de traxectoria demostrable (tres anos no caso de anuarios) e o respecto ao Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.
Ligazóns