Cinco concellos participan na Iª Mostra Itinerante de Teatro Amador

Cada grupo actuará no seu municipio e en dous máis cun total de quince representacións

Cada grupo actuará no seu municipio e en dous máis cun total de quince representacións
Presentación da Mostra. Na imaxe, de esquerda a dereita: Alberto Conde, Jose Díaz, Iria Azevedo, Sandra Alvite, Jacobo Sutil, Diana Varela, Arantza Villar, Clara Gayo e María Gaiteiro
A Iª Mostra Itinerante de Teatro Amador ven de ser presentada como culminación do proxecto 5x5 do estudio FÓSFORO Arte & Cultura, que implica aos concellos de Mazaricos, Vedra, Silleda, Lalín e Allariz. Nestes municipios formáronse grupos teatrais interxeneracionais de veciñas e veciños que durante cinco meses ensaiaron e traballaron en montaxes baixo a dirección de Iria Azevedo, Clara Gayo e Arantza Villar cos obxectivos de empregar o "teatro como terapia e como ferramenta", asegurou Jose Díaz, produtor do proxecto, "para as doenzas sociais, como o sedentarismo, o aburrimento, o individualismo, a dependencia da tecnoloxía ou a saúde mental derivada da falta de autoestima". A Mostra celebrarase nos cinco concellos levando a todos eles os espectáculos teatrais creados por cada un dos grupos. A Mostra dará comezo o 24 de febreiro en Mazaricos e celebrarase durante todas as fins de semana ata finais de marzo. Cada grupo actuará no seu municipio e en dous máis, de xeito que haberá cinco fins de semana de teatro cun total de quince representacións. En todas as producións cóntase con técnicos profesionais do teatro para os departamentos de iluminación, vestiario, escenografía, rexiduría e espazo sonoro. A iniciativa 5x5, impulsada por Fósforo e financiada cos Fondos Next Generation da UE a través do programa da Xunta de Galicia Territorio Cultura da Xunta, comezou xa o pasado outubro e culmina agora con esta Mostra.



A Aula de Teatro de Mazaricos, dirixida pola dramaturga Arantza Villar, presentará o espectáculo "Serán". A Aula de Lalín está formada por 19 mulleres e tres homes presentará a obra "Casa rural con encanto". A de Allaríz, que xunta no escenario a persoas como Obelia Blanco, muller cubana de 80 anos que foi actriz do Teatro Nacional de Cuba con xente como Rosa, unha muller de 80 anos e acaba de aprender a ler e escribir fai pouco, representará "O roce fai rozaduras". O grupo de Silleda, baixo a dirección de Clara Gayo, presentará "Enredos". Na Aula de Vedra, tamén dirixida por Gayo, participan unha nena de 9 anos e unha muller de 81 na obra que leva por título "Camiños e carreiros". Nesta localidade, a representación insírese no programa de Teatrofilia XVIII Mostra de Teatro Amador de Vedra, organizada pola Asociación Papaventos, e que se celebrará todas as fins de semana dende o 10 de marzo ata o 1 de abril.

A incorporación do Camiño de Santiago como fío condutor entre os distintos municipios ofrece o vínculo entre concellos que, de partida, non teñen tanta relación. Serve ademais para unificar a temática das creacións teatrais. Así cada comunidade ten a oportunidade de expresar como lles inflúe o Camiño e como viven eles a idea de pelerinaxe coa que conviven tan de preto. Así mesmo, as aulas permiten crear un espazo de socialización entre veciñas e veciños de idades moi diversas. Outro dos obxectivos do proxecto 5x5 é fomentar estes diálogos interxeracionais e que adolescentes e maiores realicen actividades en igualdade de condicións.