A RAG e o Concello de Ames botan a andar Modo galego, actívao!

Este proxecto piloto quere frear o abandono da lingua nas crianzas

Un proxecto colaborativo que porá en marcha iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas. Esta é a base de Modo galego, actívao!, o programa piloto que presentaban este 14 de febreiro a Real Academia Galega e o Concello de Ames e que chegará a arredor de 3000 nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados nos sete centros educativos deste municipio. Así a iniciativa "traballará de maneira conxunta tanto no contexto escolar coma das múltiples actividades extraescolares e lúdicas que constitúen espazos de crecente importancia para a socialización lingüística da infancia", segundo adianta a RAG.

Esta iniciativa pioneira baséase nos datos do mapa sociolingüístico escolar do concello que xa elaborara a RAG e como principais novidades achega "por unha banda, a implicación da administración local e, por outra, que pon o foco tanto dentro coma fóra das aulas, nos servizos de conciliación e nas actividades extraescolares e complementarias, tendo en conta todas as persoas que traballan na súa prestación e non só o profesorado", segundo salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

De xeito máis concreto o proxecto prevé "accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias" canda a asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, ademais de revisión dos proxectos lingüísticos de centro, formación e apoio a todos os axentes implicados.

De xeito máis directo, o traballo coas crianzas implicadas inclúe actividades de dinamización lingüística como experiencias de inmersión lingüística "inspiradas noutras de éxito recoñecido, pero adaptadas ás características do proxecto" na liña de 21 días co galego. Actividades interxeracionais, encontros con galegofalantes que funcionen como referentes para a xente nova, grupos de discusión e espazos de participación con familias migrantes, emprego das novas tecnoloxías ou traballo coa expresión das emocións en galego son algunhas das propostas desta iniciativa. As escolas infantís do Milladoiro, de Covas e A Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño iniciarán este día 27 as actividades do programa.

O Seminario de Sociolingüística da RAG realizará asesoramento deste programa, e con posterioridade analizará os resultados dos mesmos nun informe. A intención desta proxecto piloto é que se poida reproducir a experiencia noutros concellos. Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.