Pódese consultar a proposta técnica do Plan Estratéxico da Cultura de Ferrol 2023-2028

O documento propón 41 programas e accións e un incremento no orzamento municipal en cultura

O documento propón 41 programas e accións e un incremento no orzamento municipal en cultura
O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, na presentación da Proposta Técnica
A concellería de Cultura do Concello de Ferrol ven de facer pública a proposta técnica do Plan Estratéxico da Cultura de Ferrol 2023-2028. Este documento de traballo foi elaborado a partir dun proceso participativo co tecido cultural ferrolán, entre abril e setembro de 2022. A proposta técnica servirá como guía de traballo para a deliberación dos grupos políticos presentes na corporación municipal e foilles trasladada o pasado venres na reunión ordinaria da Comisión Informativa de Cultura, Educación, Deportes e Festas para o seu contraste, revisión e validación. Na elaboración do plan participaron 110 persoas, a título individual ou en representación dunhas 40 entidades, entre asociacións culturais, empresas e institucións como a Universidade da Coruña, Exponav, Afundación, a Xunta Xeral de Confrarías de Semana Santa ou a Coordinadora das Pepitas.

A filosofía do Plan susténtase en tres obxectivos xerais: promover unha cultura inclusiva, accesible e colaborativa ao servizo do interese xeral da cidadanía ferrolá; impulsar unha cultura vibrante, enraizada na historia e identidade local pero aberta ás novas expresións da contemporaneidade, e fomentar unha cultura aliñada co modelo de municipio, constituíndose nunha ferramenta útil para o desenvolvemento económico, a cohesión social e a rexeneración urbana. A proposta técnica contempla un investimento extra, a maiores dos recursos actuais do departamento municipal de Cultura, de 843.950 euros. Con este esforzo económico, o Concello de Ferrol pasaría de destinar a Cultura un 4,9 % do seu gasto total en 2020 a aproximadamente un 6,5 % en 2028. A elaboración dun Plan Estratéxico da Cultura foi unha das demandas resultantes do “Estudo para a identificación e análise das necesidades e potencialidades da cultura en Ferrol” realizado no 2021. Con este instrumento preténdese imprimir orde e racionalidade na acción cultural municipal, dotala de continuidade e integrar as diferentes sensibilidades e perspectivas do tecido cultural ferrolán.

O documento propón 41 programas e accións que se executarían entre os anos 2023 e 2028, divididos entre 17 propostas comúns (que afectan a todos os sectores culturais) e 24 propostas sectoriais (libro, edición e bibliotecas, memoria e patrimonio, artes plásticas, música, audiovisual e cultura dixital e artes escénicas). Entre outras, inclúense medidas como a creación dun órgano municipal de participación cultural, a posta en marcha dunha nova liña de subvencións para festas e festexos populares, a creación dunha escola municipal de arte e artesanía, a adopción de acordos de colaboración cultural coa Universidade da Coruña, con Navantia e cos concellos de Ferrolterra, a habilitación de bolsas de creación para novos talentos, a prestación dun servizo de fomento do emprendemento cultural, a elaboración dun catálogo de axentes e recursos culturais do municipio, a incorporación de dous animadores socioculturais para o Centro Cívico de Caranza e o Centro Cívico Carvalho Calero, a constitución dunha rede de museos de Ferrol e a posta en marcha dun programa de valorización da cultura industrial.
Proposta técnica do Plan Estratéxico da Cultura de Ferrol 2023-2028.