Nace en Tolosa o Instituto Castelao como centro de formación, cultural, de lecer e de intercambio

Un lugar chamado Castelao

“Crear o instituto Castelao era unha idea que sempre estivo aí, estabamos agardando subvencións, apoios económicos, pero un bo día decidimos crealo; o resto xa chegaría”. E ese día foi o sábado, cando Rémi André, autor destas declaracións, decidiu poñer en marcha en Tolosa un centro para difundir a figura de Castelao, e con ela, a de toda a cultura galega.

Este sábado abriu as súas portas en Tolosa o Instituto Castelao. Fíxoo nun local provisional e co obxectivo de ser un centro de formación; un centro de lecer e xuventude; un foro cultural, de iniciativas e de intercambio. Aínda que, de entrada, é un proxecto moi ambicioso, ten uns inicios máis diluídos, menos claros, pero cargados do empeño do seu director, Rémi André.

As orixes
En xaneiro un comité presidido por Rémi André estivo en Galicia, presentando a idea na Xunta, no Consello da Cultura Galega e en todas as institucións galegas que podían estar interesadas no tema. Logo da viaxe, e malia o cansazo, André decidiu non agardar máis e poñer en marcha o Instituto. Un feito que se fixo realidade o pasado sábado.

Dunha asociación nace outra. E o Instituto Castelao non foi unha excepción. “É unha asociación que se ampara na lei francesa de asociacións; é unha filla do Círculo Cultural de Galicia”. O Círculo Cultural Galego é un centro de reflexión formado por galegos e franceses que teñen Galicia como fío de conexión, como principio e fin das súas actividades. Formado por escritores, xornalistas franceses e galegos, ten o seu centro en Francia e foi no seu seo no que se concibiu a idea do Instituto Castelao. De feito, están invitados a formar parte deste centro os membros do Círculo Cultural Galego e, na carta de adhesión que enviaron aos seus socios, definían o proxecto do seguinte xeito: “O Instituto Castelao será o corpo e a representación física, e a súa man de obra do propio Círculo Cultural Galego”.


¿Que é e que fai?

O Instituto Castelao pretende ser un centro cultural no sentido máis amplo da palabra. Formación, lecer, foro cultural e intercambios son os principais obxectivos do centro. O sábado o centro bautizouse cun tipo de actos que rexerán a súa filosofía de traballo no sucesivo: unha exposición, “Galicia Terra Nai”, cedida polo Consello da Cultura Galega; a actuación do grupo francés “Millo verde”, unha comida e a exhibición do filme do francés Marc Chane, que fixo logo de vir a Camariñas limpar chapapote e que se exhibiu na televisión de Tolosa e que hoxe en día está a participar en numerosos festivais europeos.

E nesa liña irán as actividades do Instituto. En primeiro lugar, como centro de formación. Neste sentido están programadas clases de iniciación ao galego, xa que segundo o propio Rémi, “hai moitos alumnos da universidade de Tolosa de occitano, de español, que queren coñecer outra lingua latina”. As actividades de formación complétanse con clases de iniciación á historia da arte galega, á gaita e á traducción ao francés dunha obra de Castelao, aínda que isto son de momento ideas e non proxectos firmes.


En segundo lugar, como centro de lecer teñen previsto facer exhibicións e proxeccións de filmes galegos. O procedemento vai ser sempre o mesmo, como apunta o director do centro, “en primeiro lugar un documental e en segundo lugar unha curtametraxe ou unha longametraxe”. Uns traballos que concertarán co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). O terceiro piar da súa política de actividades é un foro cultural en que haberá exposicións relacionadas con algún aspecto de Galicia. As exposicións serán, como apunta Rémi, de carácter trimestral.

Por último, pretende ser tamén un foro de iniciativas e de intercambios, polo que promoverán estadías lingüísticas en Galicia e en Irlanda.


Os cartos

Pero para todo isto precísanse cartos. E esta é a parte máis difícil dun proxecto movido a base de ilusións e de intereses case altruístas. “Ata o momento as actividades fanse co verdadeiro apoio do Consello da Cultura Galega e cos cartos do noso propio peto” asegura Rémi. A pesar disto están axilizando os trámites burocráticos para pediren subvencións e achegas económicas, tanto ás autoridades francesas coma ás galegas.