Verín celebra as súas V Xornadas de Novela Negra

Juan Tallón, Pedro Feijóo ou Sara Vila participan do programa os días 27 e 28 de xaneiro

Juan Tallón, Pedro Feijóo ou Sara Vila participan do programa os días 27 e 28 de xaneiro
O auditorio de Verín acolle os días 27 e 28 de xaneiro a quinta xeira das Xornadas de Novela Negra. O encontro, coordinado polo xuíz Vázquez Taín e polo escritor Pedro Feijoó, desenvólvese nesta xeira co lema Back in black.

O escritor ourensán Juan Tallón, que abordará a idea do misterio sen resolución a partir da súa novela Obra maestra, é un dos convidados nesta edición da actividade que organizan a Biblioteca Municipal e o Concello de Verín. Sara Vila, pola súa banda, abordará as etapas de creación dunha novela de misterio mentres Mikel Santiago centrará a súa intervención nos ingredientes que compoñen unha obra destas características.

As intervencións literarias combínanse no programa con relatorios a cargo de profesionais das forzas de seguridade e da investigación. É o caso de José Luís Ferreiro Novoa, da Garda Civil, que explicará un caso de envelenamento real que se deu na provincia de Ourense, ou de Berta Rodríguez, médica forense. Unha mesa redonda sobre Ficción versus realidade co excomisario Enrique León, Pedro Feijóo e o xuíz Vázquez Taín abordará os puntos de contacto entre a escrita de novela negra e o traballo policial.

Esta xeira das xornadas está dedicada a Lolita Castro, voluntaria de la Biblioteca Municipal recentemente falecida.