A RAG presenta a súa programación para o Ano Del Riego

Unha biografía infantil ou a correspondencia do autor con Otero Pedrayo son algunhas das propostas da Academia

Unha biografía infantil ou a correspondencia do autor con Otero Pedrayo son algunhas das propostas da Academia
A Real Academia Galega presentaba na mañá deste 24 de xaneiro o programa de actividades co que vai homenaxear ao longo do ano a Francisco Fernández del Riego cando se lle dedica o Día das Letras Galegas. Lourenzá acollerá o pleno extraordinario da entidade no día 17 de maio mentres Vigo, espazo destacado na biografía do autor, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario organizado coa Fundación Penzol.

Entre as novidades que a entidade presentará nos vindeiros meses está unha edición do epistolario que o homenaxeado intercambiou con Ramón Otero Pedrayo. Inédito ata o momento, este legado consta de 450 cartas conservadas na Fundación Penzol, das que cen foron remitidas por Del Riego ao ourensán. A investigadora Patricia Arias Chachero encargarase dunha edición na que, segundo ela, se poderá coñecer “a relación, íntima e amical" entre os dous persoeiros ao tempo que fai "un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra".

No marco do programa Primavera das Letras, orientado ao público escolar, desenvolveranse actividades interactivas na rede para conectar os nenos e nenas de forma lúdica co universo de del Riego. Ademais, Eva Mejuto presentará As cousas de don Paco, unha biografía teatralizada do autor con ilustracións de Lucía Cobo. A obra propón "un ameno percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron", segundo sinala a RAG.

Ao igual que nos últimos anos, a RAG tamén desenvolverá, da man da produtora Miramemira, unhas serie web que percorre os principais fitos da traxectoria do autor e que se poderá seguir a partir do vindeiro mes de marzo. Cara ao vindeiro outono desenvolverase o xa habitual simposio monográfico sobre o homenaxeado, que permitirá coñecer aspectos inéditos da súa figura e do seu traballo.

"Don Paco foi un intelectual prolífico. Editor, ensaísta, e crítico literario dalgunhas das primeiras obras de divulgación da literatura galega, foi un activista do galeguismo cultural incansable. Pero del Riego destacou ademais como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu", salientou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes na presentación do programa.